O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Quico Cadava nace en Ribeira, na Ría de Arousa. Na súa infancia conviviu con mariñeiros que extraían maxicamente bacallaus salgados dos seus pantalóns, quinquilleras que revelaba a berros a orixe da vida mentres devoraban carne asada e anciás que conseguían mexar de pé con precisión de cirurxiáns. Polo modo que ten de falar de si mesmo parece que non ten avoa, pero a tivo e nótaselle moito. Foi educado por un profesor entusiasta dos castigos físicos e da escritura barroca, na actualidade cronista local da cidade de Ribeira. Na súa época universitaria descoidou os seus estudos de arte para coquetear co amor, a política e a droga. Recibiu moitas críticas dos seus amigos "junkies" polo consumo inmoderado de drogas brandas e mostos fermentados. Dirixiu espectáculos de teatro coa presenza de orfas de fillos, quinquilleras, viúvas de carpinteiro, traficantes de toneis, palilheiras-macho, inmigrantes ilegais e xitanas vingativas. Escribiu pezas de teatro protagonizadas por traficantes mudos, deusas, piratas (sexo feminino), ociosos, aristócratas pintores, músicos ambulantes e vendedoras de amor ao pormenor. Por se isto fose pouco, é omnívoro.
Quico Cadaval volve a Teo con " Autoestradas e corredoiras", as historias máis extraordinarias sempre acontecerán nos camiños. Cada conto é unha viaxe e o seu escenario ideal é, consecuentemente, unha vía de comunicación. Os carreiros asombrados e as encrucilladas neboentas foron os lugares do medo da humanidade durante séculos, os lugares de luz indecisa onde se nos arrepiaba o espiñazo. Chegou o progreso, as luces das avenidas e as peaxes das autoestradas, mais o extraordinario non desapareceu, simplemente circula a maior velocidade. Axiña, axiña. En Autoestradas e corredoiras, Quico Cadaval presenta un repertorio que circula desde as camiñadas dos tempos de antes cos seus encontros imprevistos, ás etapas automobilísticas cos seus choques e cachizas de parabrisas. Unhas peixeiras co cesto á cabeza que teñen unha abraiante visión nocturna, un xeneroso condutor que sae da néboa para auxiliar aos feridos dun accidente múltiplo e o clásico moderno: un autostopista que ve como ven cara a el un vehículo que endexamais atopara antes.
Non descartamos que teñamos breves informacións sobre romarías, barracóns de monstros, ideario anarquista, polos de desenvolvemento franquista, a fotografía rural, protocolos hospitalarios, e centos de pensamentos que lle veñen á cabeza a quen escoita una historia.
Data: domingo 2 de xullo
Lugar: Carballeira de Francos
Hora: 12:00 horas
Espectáculo para público adulto
Acceso libre