O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo solicitará fondos FEDER para proxectos que favorecen o paso a unha economía baixa en carbono

| compartir:

A corporación teense reúnese este luns 17 de xuño en sesión extraordinaria urxente ás 19:45 horas. O debate terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal.

 

O pleno do Concello de Teo debaterá este luns a participación nun programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. Esta liña de axudas, xestionadas polo IDAE, están financiadas con fondos FEDER-POCS 2014-2020. Nun primeiro momento o Concello optará a unha axuda de case medio millón de euros para avanzar na mellora da eficiencia enerxéticas de instalacións municipais.

 

Durante  os últimos exercicios véñense realizando diversas auditorías e traballos previos das instalacións eléctricas municipais detectando en moitos casos que se poden facer cambios de cara a mellorar a eficiencia enerxética e rebaixar o custe económico das mesmas. Un dos proxectos para os que se pedirán fondos europeos atende a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de depuración de augas residuais do Concello de Teo, cun orzamento previsto de 546.974 euros. O segundo atendería á incorporación de sistemas fotovoltaicos de produción de electricidade en edificios municipais cun custe estimado de 55.074 euros. Os fondos europeos subvencionarían o 80% do investimento tendo que asumir con fondos propios o 20%.

 

Plan de mobilidade urbana sostible

 

Por outra banda o Concello dentro do proceso de redacción dun novo PXOM tamén encargou un Plan de mobilidade urbana sostible (PEMUS) xa que aínda que non ten obriga legal de telo se considera un instrumento imprescindible para deseñar estratexias de mobilidade para o futuro. Deste xeito neste traballo, que estará rematado nuns meses, abordaranse aspectos como sendas peatonales, camiños escolares seguros, accesibilidade ou melloras de seguridade viaria.

 

As accións propostas no PEMUS tamén son proxectos que se poderían beneficiar en próximos exercicios desta liña de axudas europeas que favorece o paso a unha economía baixa en carbono.    

A orde do día ten os seguintes puntos:

  1. Ratificación da urxencia.
  2. Proposición da alcaldía de aprobación de participación do Concello de Teo no programa de subvencións a proxectos singulares de EELL que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono (FEDER-POCS 2014-2020)
Imaxe da EDAR de Pontevea

Arquivos descargables