O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A Xunta non garante obras importantes nos colexios de Teo durante este ano

| compartir:

Esta semana o alcalde accidental de Teo, Ignacio Iglesias, e a concelleira de Educación, Pilar Faxil, mantiñan unha xuntanza co Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, para falar das necesidades dos colexios de Teo. Nesta reunión o departamento da Xunta non foi quen de fixar obras importantes a realizar neste curso, agás as ventás na zona de infantil do CEIP da Ramallosa, investimento que xa estaba anunciado. 

Dende o Concello Pilar Faxil explica que "estaremos vixiantes e á espera de que a Xunta sexa capaz de concretar obras nos colexios, todos moi antigos e con necesidades de obras e melloras estruturais". Na xuntanza o responsable da Xunta pediulle ao Concello que determinase as prioridades de obras "algo extraño cando os titulares dos centros e dos edificios é a propia Xunta" destaca a concelleira de Educación. 

Concello e Xunta quedaron en reunirse a finais de marzo para concretar as obras que se poden ir facendo con maior urxencia. Sen embargo dende a Xunta xa recoñeceron que neste 2018 non está planificado ningún investimento importante en Teo e que calquera actuación destacada sería no 2019. "Con este horizonte do 2019 dende o Concello seremos constantes nas demandas de obras imprescindibles para os colexios de Teo" explicou o alcalde accidental, Ignacio Iglesias. 

Seguridade

No encontro falouse das principais deficiencias dos centros, como se recollen nos plans anuais e memorias de cada centro. Os represenentantes municipais destacaron "a necesidade de avanzar en melloras que afectan directamente á seguridade como as escaleiras de emerxencia nos tres centros, inexistentes e polo tanto un risco en caso dunha desgracia xa que a evacuación dos pisos superiores sería moi complicada". A maiores destes temas tamén se lembrou que os tellados teñen amianto polo que procede a súa retirada, é preciso mellorar o illamento no CEIP da Ramallosa para minimizar o frío no centro, ascensor na Ramallosa e en Calo, un espazo polivalente en Calo ou substituír as persianas nos Tilos. 

CRA

Outro dos temas dos que se falou bastante na reunión coa Xunta foi do CRA de Teo e das obras necesarias nas escolas unitarias que o forman. Dende a Consellería de Educación recoñecen que é a obriga deles a realización de obras estruturais e explicitaron que obras que está realizando o Concello nestes centros non son obriga da entidade local. Segundo explica Pilar Faxil "no curso pasado cambiamos o tellado da escola de Reis, unha obra necesaria que a Xunta non realizou". Jesús Oitavén, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación recoñecía na xuntanza que non era obriga do Concello. O CRA é un centro educativo do que é titular a Xunta polo que as obras que superan o mantemento son obriga tamén do departamento autonómico. Dende o Concello realízanse reiteradamente traballos nos centros educativos que superan a súa obriga legal de facer o mantemento "ante o desleixo da Xunta polo ensino público" destaca a concelleira de Educación de Teo. 

Colexio Tilos