O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, mantiveron esta mañá un encontro con representantes municipais dos Concellos de Ames e Brión para falar do proxecto de instalación dunha planta de residuos na Casalonga. Por parte de Brión asistiu o seu alcalde, José Luis García e dende Ames achegáronse Blas García, concelleiro de Servizos Básicos, e Javier García, edil de Medio Ambiente.
O rexedor teense agradece a receptividade amosada polos responsables de Ames e Brión nun tema que preocupa moito en Teo. O grupo Toysal ten solicitado na Xunta de Galicia a autorización ambiental integrada, un proceso longo no que o proxecto será sometido a exposición pública e no que se requirirán diversos informes sectoriais, incluído o do concello.
Neste punto centrou a xuntanza Rafael Sisto que lle pediu colaboración aos concellos limítrofes no período de alegacións. Tanto Ames coma Brión limitan con Teo na zona na que se proxecta a instalación. O alcalde de Brión e os concelleiros de Ames amosaron o seu compromiso con esta petición e comparten a preocupación co Concello de Teo polo negativo impacto que pode ter unha planta de residuos na zona.
Moción aprobada por unanimidade
En relacióin con este tema onte o pleno da corporación de Teo aprobaba por unanimidade unha moción sobre este proxecto. A proposta é froito da colaboración establecida entre os grupos políticos municipais. Na mesma acordouse, entre outros puntos, rexeitar que a instalación de xestión e tratamento de residuos sexa unha actividade permitida en solo rústico, conforme ao establecido no artigo 35 da Lei 2/2016, do solo de Galicia así como adoptar todas as medidas necesarias, de forma conxunta e coordinada, desde un punto de vista tanto institucional como administrativo e respectando a legalidade vixente, para evitar a instalación desta planta de reciclaxe na Casalonga.
Tamén se amosou o apoio ás veciñas e veciños afectados e apoiar as súas reivindicacións destinadas a defender os seus dereitos e a súa calidade de vida e poñer á súa disposición os medios e os recursos para informalos e asesoralas.
Como é o proxecto da planta?
A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.
O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.
O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos.
Adjunto | Tamaño |
---|---|
mocioncasalonga.pdf | 17.42 KB |
Informe sobre Proxecto Toysal.pdf | 4.81 MB |
proxecto toysal.pdf | 11.16 MB |