O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello traballa no informe de compatibilidade urbanística sobre o proxecto da planta de residuos na Casalonga

| compartir:

O Concello traballa intensamente no informe de compatibilidade urbanística sobre o proxecto presentado pola empresa Toysal para instalar unha planta de reciclaxe de residuos na Casalonga. Este informe é "a única actuación que pode realizar o Concello na tramitación administrativa que está facendo a empresa na Xunta para instalar esta planta" indica o alcalde, Rafael Sisto. Insistimos nesto porque nos últimos días téñense publicado numerosas informacións que buscan a confusión e colocar ao Concello no centro do problema. Lonxe de ser o centro do problema "o Concello é xunto coa veciñanza máis afectada quen ten o problema, e o problema é a ameaza dunha instalación deste tipo en solo rústico pola permisividade dunha Lei do solo aprobada no 2016 polo Partido Popular no Parlamento Galego". Se a planta chegara a colocarse en Teo será "única e exclusivamente porque a lei do solo autonómica permite este tipo de actividades neste tipo de solo" destaca o rexedor.

Ademais disto o Plan de xestión de residuos de Galicia, co que tamén ten que cumplir a empresa indica que estas actividades se localizarán "preferentemente" en polígonos industriais. "Resulta ata insultante incluír ese preferentemente, xa que se o PP tivera verdadeiro interese en que estas plantas de xestión de residuos estiveran en polígonos industriais no plan de residuos non dexaría aberta a porta a esta interpretación absolutamente arbitraria" indica Sisto. De todas maneiras "o PP no Parlamento ten os instrumentos necesarios para evitar esta planta en Teo e outras moitas por Galicia adiante, modificar a súa propia Lei do Solo e o seu propio Plan de Residuos xa que conta con maioría absoluta para facelo" lembra Sisto. A modificación desta normativa autonómica sería a garantía definitiva de que unha planta así ou outras actividades perigosas non sexan unha ameaza real para Teo. 

Informe de compatibilidade

Respecto do que está facendo o Concello xa se ten explicado en reunións e varias asembleas veciñais que dende a administración local o único que se emite é un informe de compatibilidade urbanística, indicando se o proxecto é compatible urbanísticamente coa planeamento do Concello. A empresa presenta en decembro esta solicitude no Concello, momento no que tamén inicia a tramitación da autorización ambiental integrada na Xunta. Diante desta solicitude a administración local solicita información á empresa para saber que é o que pretende instalar na Casalonga. A finais de xaneiro entra no Concello o proxecto que se pode consultar premendo aquí e solicítase un primeiro informe que avalíe o impacto deste tema no termo municipal. A continuación, como se sabe infórmase á cidadanía e mantéñense contactos políticos cos grupos municipais, coa Xunta de Galicia e con concellos limítrofes. 

En paralelo o departamento de Urbanismo comeza a traballar no deseño do informe de compatibilidade urbanística. Insistimos en que a importancia deste traballo radica en que é a única ferramenta que ten o Concello para "evitar polo menos temporalmente" esta instalación. E para facelo con garantías e non de xeito precipitado os técnicos están traballando e buscando asesoramento externo. Como destaca a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, "neste informe xogámonos moito e como xa sabemos, é a única baza do Concello no tema. Ademáis, se normalmente a esixencia de seguridade xurídica en todos os informes técnicos do Concello é moi alta, neste caso imos un pouco máis alá pola trascendencia do tema". 

Cómpre destacar que o informe municipal ten que ter a consistencia necesaria para que non sexa cuestionado facilmente, nen pola administración autonómica nin en sede xudicial, no suposto de que a empresa presente unha reclamación xudicial. 

O Concello emitirá o informe no momento no que estea pechado con garantías, un proceso que seguramente dure varios meses e cando considere máis axustado ao interese xeral, evitar a colocación da planta. Hai que recordar que o Concello mantivo unha xuntanza coa Xunta de Galicia por este tema a primeiros de xuño na que estaban presentes todos os grupos políticos do Concello e representantes da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. Nesa xuntanza atopouse boa disposición por parte da Xunta e falouse do procedemento administrativo. En ningún caso se lle esixiu ao Concello a emisión inmediata do informe de compatibilidade urbanística. Hai que destacar tamén que non existe silencio administrativo por parte do Concello nin un prazo concreto para enviar o informe.

Unidade de acción

No pleno de maio levouse unha moción de apoio aos afectados por este proxecto, moción que contou co voto favorable de todos os grupos da corporación. Dende o Concello valorouse moi positivamente esta actitude no pleno e a pesares das manifestacións vistas nestes días por parte dos grupos da oposición "facer o posible para manter este consenso polo ben da cidadanía é a nosa obriga" indica Sisto. "Non responderemos a provocacións xa que temos claro o noso obxectivo e non nos equivocamos de inimigo, o noso único interese é evitar a colocación de Toysal en Teo" destaca o alcalde. 

Exposición pública

Outro dos aspectos que xera moito interese é saber cando se vai realizar a exposición pública, outro dos momentos clave do procedemento. Segundo as previsións que lle da a Xunta ao Concello esta exposición non será antes do outono. En todo caso estaremos vixiantes para poder facer unha ampla difusión deste proceso e que a contestación social e institucional en forma de alegacións sexa outro obstáculo para este planta que supón unha agresión á cidadanía de Teo. 

 

Podes consultar o proxecto presentado por Toysal premendo aquí

Podes consultar o informe sobre o proxecto encargado polo Concello premendo aquí

 

 

canteira