O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Pleno do Concello de Teo aprobou esta tarde no Pleno de febreiro a posta a disposición inicial á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia de dúas parcelas limítrofes para a construción de vivendas de promoción pública no lugar da Ramallosa, parroquia de Lucí. Previsiblemente, no Pleno do mes de marzo levarase a aprobación da cesión definitiva.
Así, as parcelas están situadas na rúa da Lagoa. Cada unha das parcela ten unha superficie de 3.895 e 2.304 metros cadrados, que segundo o planeamento municipal, está destinada á construción de vivenda plurifamiliar e que forma parte do Patrimonio Municipal do Solo creado polo Concello mediante acordo plenario do 29 de outubro de 2008.
Tal e como se recolle na Proposta, esta cesión gratuíta redunda de maneira evidente e positiva en beneficio dos habitantes do termo municipal na medida en que a construción de vivenda é un dereito dos cidadás e unha obriga das Administracións Públicas, tendo a súa execución un impacto positivo e evidente para os habitantes do Concello.
Unha vez aprobada esta Proposta no Pleno do Concello, deberá someterse o expediente a información pública polo prazo de vinte días mediante o seu anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que consideren pertinentes. No caso de que non houbera ningunha alegación, o acordo deberá levarse de novo a Pleno para a súa aprobación definitiva e, posteriormente, publicar o anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña.
Estas dúas parcelas súmanse á cedida no ano 2025 e que está situada na rúa Cernadelo, no lugar das Galanas, parroquia de Calo. Trátase dunha parcela cunha superficie de 1.985,10 metros cadrados, onde se construirán as futuras vivendas de promoción pública.
Modificación Puntual nº 1
Outro acordo que se debateu e aprobou hoxe no Pleno municipal foi a aprobación inicial e exposición pública da Modificación Puntual nº1 dp PXOM, SUND-1, solicitado por un promotor privado. Esta modificación puntual proposta ten por obxecto a introdución do uso terciario en substitución do uso residencial nun ámbito concreto do planeamento vixente, co fin de dotar á área urbana de Reborido de servizos e actividades comerciais que responden a unha demanda real acorde coas actividades que se desenvolven no seu contorno inmediato. De feito, esta proposta xustifícase plenamente por razóns de interese público e favorece un desenvolvemento urbanístico equilibrado, sostible e conforme ao marco legal vixente.
Ademais, o promotor da dita modificación asume a incorporación da ordenación detallada do sector SUD-1a (antes SUND-1), así como o cumprimento íntegro dos deberes e cargas urbanísticas legalmente esixibles aos desenvolvementos de iniciativa privada.
Unha vez aprobada inicialmente esta Proposta no Pleno do Concello, deberá someterse o expediente a información pública polo prazo de dous meses. Así mesmo, o Concello deberá solicitar os informes sectoriais autonómicos e nacionais preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo de tres meses e suspender o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición por un período de dous anos.
Día Internacional da Muller
O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller e, con este motivo, levouse a Pleno a aprobación dunha declaración institucional, elaborada de forma conxunta entre o Partido Popular e o Partido Socialista. Nela anímase dende o Concello a participar das reivindicacións e actividades do 8 de marzo para dar visibilidade a ese día e ao papel importante da muller, sempre dente unha postura pacifista e de apoio mútuo, que permita avanzar co xa conseguido e sen crear confrontacións que tiren por terra o que tantas e tantas mulleres loitaron por conseguir.