O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2026

| compartir:

Un ano máis celebramos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Día de reinvindicación necesario para facer ver o papel importante que as mulleres realizamos na sociedade.

Este día non é unha data simbólica, é un chamamento á acción, un día para a reivindicación e a loita pola igualdade entre homes e mulleres, tamén para celebrar cada avance conseguido, pero sobre todo para denunciar e reivindicar o que queda por facer.

Cada vez máis mulleres son destacadas en postos relevantes tratando de romper ese teito de cristal imposto, pero aínda non sempre en igualdade de condicións, polo que mentras iso non se acade, seguirá sendo necesaria esta manifestación.

Ao longo da historia é sabido, pero non sempre recoñecido, o papel que a muller desenvolve organizando a vida en xeral: na casa, na familia e no traballo. Por iso nos unimos tamén ao lema escollido pola FEGAMP “As mulleres, xestoras do cambio”, pois queremos declarar a necesidade de visibilizar o papel das mulleres nos diferentes ámbitos da vida, recalcando o social e público, para así recoñecer o seu papel activo, rompedor e de avance para a sociedade e seguir reclamando ese trato igualitario.

Son moitas as mulleres destacadas en ámbitos científicos, sanitarios, literarios, políticos… e debemos traballar na educación como base de coñecemento do papel da muller na sociedade, conseguindo así unha igualdade  na que ninguén sexa menos que ninguén e que, o feito de ser muller, non coloque sobre nós unha barreira que nos impida medrar e destacar en igualdade.

Dende a política, debemos ser exemplo e para demostralo, nada mellor que todos os grupos políticos, sin distinción de cores, nos unamos para traballar en prol da igualdade. Por iso, dende o Concello de Teo, queremos con esta declaración animar a participar das reivindicacións e actividades do 8 de marzo para dar visibilidade a este día e ao papel importante da muller, sempre dente unha postura pacifista e de apoio mútuo, que nos permita avanzar co xa conseguido e sen crear confrontacións que tiren por terra o que tantas e tantas mulleres loitaron por conseguir.

Declaramos o noso rexeitamento a calquera tipo de mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia cara ás mulleres polo simple feito de selo, e seguiremos impulsando iniciativas que visibilicen a traxectoria de mulleres referentes.

Tamén traballaremos para seguir solicitando de TODAS AS ADMINISTRACIÓNS investimentos para impulsar actividades que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación, imprescindibles para garantir o desenvolvemento das mulleres cara á igualdade de oportunidades.

Denunciamos o retroceso, o negacionismo machista e a banalización da violencia.

Traballaremos para impulsar a planificación e desenrolo de todas as políticas en materia de igualdade no ámbito municipal, especialmente a través da creación, desenrolo e fortalecemento de proxectos e medidas en materia de COEDUCACIÓN, dirixidas á erradicación dos roles e estereotipos de xénero desde idades temperás para así fomentar a IGUALDADE, A CONVIVENCIA E A DIVERSIDADE.

Camiñar cara a igualdade é un camiño de todas e de todos, e onde unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas damos un paso ao fronte.

E non baixaremos a garda, pois sabemos que defender a igualdade é defender a democracia, a liberdade e a xustiza social. Cada paso que avanzamos mellora a vida de todas e de todos.

cartel