O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Licítase a construción de 26 vivendas públicas nas Galanas

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou hoxe á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, nun acto onde se anunciou a licitación para a construción de 26 vivendas públicas nas Galanas, que suporán un investimento autonómico de case 5M€. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta intervención e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de maio.

Estas vivendas, que serán financiadas na súa totalidade polo Goberno galego, construiranse nunha parcela cedida gratuitamente polo Concello. Os novos fogares, de 2, 3 e 4 dormitorios, serán eficientes enerxeticamente, con sistema de aerotermia previsto na cuberta e paneis fotovoltaicos. 

Estas vivendas nas Galanas súmanse ás 37 previstas na Ramallosa, cun orzamento de case 8,8M€. Neste caso, o mes pasado licitouse conxuntamente a redacción do proxecto, a dirección da obra e as obras e a presentación de ofertas remata o próximo 12 de maio.

Neste senso, a alcaldesa lembrou que Teo foi un dos primeiros concellos que cedeu gratuitamente solo á Xunta para edificar vivenda pública. “Se queremos que Teo medre hai que traballar no seu futuro e iso pasa por traballo, vivenda e servizos”, matizou a rexedora municipal. 

Novas medidas no eido da vivenda

Cabe destacar as novas medidas en materia de vivenda. Neste senso, na vivenda que constrúa a Xunta en réxime de compraventa, reservarase o 30% para as persoas con idades comprendidas entre o 36 e 45 anos, con fillos ou persoas dependentes ao seu cargo.

Tamén se aumentará o limiar máximo de renda para optar a unha vivenda pública ata catro veces o Iprem —no caso das familias numerosas o teito elevarase a 4,5 veces o Iprem—. Por exemplo, no caso dunha parella cun fillo, incrementarase o límite de ingresos brutos mensuais desde os 2.600€ aos 3.530€.


 

foto