O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Arte rupestre, tamén en Cacheiras

| compartir:

Dous sabres cruzados cinguen a bandeira teense como lembranza da Batalla de Cacheiras que tivo como escenario “a pequena cordal que se estende ó sur- sueste de Santiago e da que ocuparon o cumio máis elevado as tropas de Solis”, segundo sinalaba o avogado Juan do Porto na súa recensión dos “acontecementos políticos de Galicia en 1846”.

Neste “monte altu” (Montouto) que preside a Pedra Escorredía vertébrase o territorio teense que dá entrada á vella Compostela. Un lugar cargado de simbolismo no que as novas descubertas arqueolóxicas testemuñan tamén o legado único das primeiras sociedades que habitaron este sitio hai máis de catro mil anos.

Novos achados arqueolóxicos que incrementan de xeito significativo o patrimonio cultural dunha zona que xa posuía previamente un grande valor paisaxístico e histórico. 

Trátase de catro novos petróglifos, dous nesta zona e dous máis na contorna dos Tilos, de temática xeométrica e clara adscrición ó estilo da arte atlántica que caracteriza a maioría dos petróglifos galaicos. Figuras de coviñas, círculos e aneis concéntricos, “Cups and rings” como denominan os investigadores británicos, presentes tamén en boa parte dos petróglifos do noroeste peninsular. lnsculturas semellantes ás localizadas noutras áreas arqueolóxicas teenses, xa estudadas polos pais da arqueoloxía galega dende os anos cincuenta do século pasado, como é o caso do Monte Piquiño entre as parroquias de Luou e Rarís ou a área de Cornide - Regoufe entre as parroquias de Calo e Luou. Porén, cómpre destacar dous aspectos que singularizan estas novas estacións. Por unha banda, trátase de gravados sobre soportes pouco “convencionais” como é o granito de gran groso no caso dos petróglifos de Montouto e o xisto no caso dos petróglifos dos Tilos. O resto dos petróglifos teenses empregan o granito de gran fino denominado de dúas micas. Por outra banda, destaca o feito de que non se coñecían este tipo de manifestacións artísticas nesta parte da parroquia de Cacheiras. 

Novos petróglifos que incrementan o xa relevante número de estacións de arte rupestre en Teo (+30) e da comarca de Compostela (+150), moitas delas divulgadas polo Colectivo A Rula, entidade teense que dende 2013 desenvolve un excepcional labor na procura da protección e divulgación do noso patrimonio e, en especial, da arte rupestre.

Dende a Concellaría de Cultura e Patrimonio, dirixida por Mayte Argibay, e a través do proxecto do “Parque Compostela Rupestre” que este ano preside o Concello de Teo, iniciaremos as accións pertinentes para garantir a protección destes
elementos que testemuñan a relevancia que este territorio tivo durante a Prehistoria. A catalogación destes novos bens é o paso inicial para converter estes conxuntos patrimoniais en futuros recursos culturais e turísticos, mostra dunha arte milenaria que cómpre valorizar para que a veciñanza teense e cidadanía en xeral poida coñecer en condicións axeitadas.

petróglifo