O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo acollerá unha exposición de Manuel Quintana Martelo

| compartir:

O Concello de Teo acollerá do 4 ao 30 de setembro a exposición de arte de Inside/Outside de Manuel Quintana Martelo. A inauguración desta exposición será este venres, 4 de setembro, ás 19.00 horas no Auditorio Municipal da Ramallosa. O acceso a esta exposición será gratuíto para que a veciñanza poida desfrutar destas obras. 

A exposición estará formada por unha selección de pezas da súa obra desde o ano 2005, mesturando pintura, escultura e papel; así como debuxos, acuarelas e técnicas mixtas. Baixo o título Inside/Outside, o autor pretende xogar coa idea entre o interior (con elementos propios do estudo) e o exterior (elementos alleos que se atopan no exterior). 

Os horarios para poder visitar esta exposición serán de luns a venres de 9.00 h a 14.00 horas e os martes e xoves de 17.30 h a 19.30 horas da tarde.

O artista Manuel Quintana Martelo ostenta actualmente a presidencia da Real Academia Galega de Belas Artes, en onde, baixo o seu mandato, puxo en marcha o “Día das Artes de Galicia”, conseguindo levar a arte galega -por primeira vez- ao Museo do Prado de Madrid e ocupando un lugar indiscutible na historia da arte galega contemporánea. 

A súa extensa traxectoria, sempre marcada pola investigación, a liberdade e o compromiso coa creación, levouno a desenvolver unha linguaxe propia, situada nese territorio de diálogo e tensión entre a figuración e a abstracción. Pero ademais de creador tamén é docente e impulsor de iniciativas culturais. Un profeta no seu campo que tamén contribuíu decisivamente na apertura de espazos para a nosa arte dentro e fóra do noso país. 

En maio do ano 2024 foi nomeado Fillo Adoptivo do Concello de Teo grazas ao seu traballo, contribuíndo a espallar a arte e a cultura, así como o nome de Galicia, polo mundo adiante.


 


 

cartel