O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O pleno do Concello acorda homenaxear ao grupo Tanxugueiras dándolle o seu nome á area recreativa de Luou

| compartir:

O pleno do Concello, celebrado o mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo Tanxugueiras dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. 

A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP. 

O acordo aprobado foi o seguinte: 

O Concello de Teo acompaña dende hai tempo o grupo Tanxugueiras, veciñas deste concello por orixe ou adopción, no seu crecemento artístico. Nos últimos meses, con motivo da súa participación nun festival para a escolla do representante artístico do Estado para Eurovisión, veñen de defender un tema galego, “Terra”, que conseguiu emocionar o público nacional e internacional provocando unha mobilización social sen precedentes a prol dun grupo galego.

As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que, lonxe de pechar fronteiras, ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas.

Son, ademais, mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon e ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade.

Tomando en consideración o arriba exposto, proponse ao Pleno Municipal a adopción so seguinte ACORDO:

Homenaxear o grupo Tanxugueiras dándolle o recoñecemento público en nome da cidadanía de Teo pola súa traxectoria e acordar nomear, como “Parque das Tanxugueiras”, a área recreativa situada na carballeira de Luou, parroquia natal de dúas delas, actualmente en fase de construción, e no que se organizará un acto público que contará coa súa presenza no momento da inauguración.

Podes ver o Pleno na canle de Youtube do Concello premendo aquí

 

Tanxugueiras