O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Pleno do Concello, na sesión do 29 de xuño de 2022, aprobou nomear a praza dos Tilos, na que se celebra semanalmente o mercado de produtos labregos, como "Praza do Mercado Labrego".
O acordo contou cos votos favorables do BNG e Son de Teo e as abstencións do PSdeG-PSOE e do PP.
Esta decisión coincide coa celebración dos dez anos de funcionamento do mercado e vén a "oficializar" un nome que a veciñanza xa utiliza no seu día a día.
A proposta da alcaldía que se votou no Pleno é a seguinte:
Considerando que, no ano 2012, froito dun acordo co grupo promotor do Sindicato Labrego e outras persoas agricultoras de Teo, formalízase un mercado de venda de produtos labregos de tempada e de proximidade no contorno dos Tilos. Considerando que, dende entón realízase cada sábado pola mañá con arredor dunha decena de postos de venda e de xeito continuo, só interrompido temporalmente polas restricións derivadas da pandemia da COVID 19 durante uns meses do 2019.
Considerando que, no ano 2016 ao abeiro dun convenio asinado no Plan Hurbe, dotouse este espazo público de equipamentos que serviron para poñer en servizo as redes de subministración eléctrica, alumeado público e abastecemento da praza, completando os traballos de urbanización e construción dunha cuberta circular executada con cargo ao Plan de Acción social da Deputación da Coruña.
Considerando que ao longo deste tempo a colaboración entre o Concello e os promotores púxose de manifesto de xeito continuo e explícito coa organización de eventos simultáneos ao mercado, mantemento da praza, colaboración na difusión de actividades, etc.
Considerando que os mercados de proximidade dan garantías de calidade dos produtos, xeran sinerxías positivas entre as persoas usuarias e produtoras, contribúen ao mantemento dos sistemas agrícolas tradicionais (sobradamente demostrados como os máis sustentables) e por tanto, son un motivo de orgullo colectivo
En recoñecemento ás persoas labregas e usuarias, que cada semana enchen de vida o espazo de venda directa na praza circular dos Tilos, contribuíndo así a un mundo rural vivo na comarca e a un modelo de mercado máis xusto e consciente, proponse ao Pleno a adopción do seguinte
ACORDO
Nomear a praza dos Tilos, onde ten lugar semanalmente o mercado de produtos labregos, como “Praza do Mercado Labrego”
Adjunto | Tamaño |
---|---|
Proposta alcaldía praza mercado labrego.pdf | 162.47 KB |