O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Salón de Plenos do Concello de Teo foi o lugar de reunión no mediodía deste martes daquelas persoas que quixeron lembrar a persoa de Avelino Pousa convocados pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María da Terra Chá e a Asociación Cultural Xermolos.
Foi o alcalde da localidade, Rafael Sisto, o encargado de abrir o acto cunhas palabras nas que lembrou o legado cultural e o valor humano que Avelino nos deixou, e nas que fixo referencia a que o Concello de Teo segue sendo o portador do segundo caxato de Avelino Pousa, presente a cotío no Salón de Plenos da Casa do Concello, o cal considerou como o “orgullo máis decidido e unha honra maior que este concello, que foi a súa casa, siga sendo a súa casa para pór en valor o seu legado”. Así mesmo, Rafael Sisto comprácese en que “siga a ser esta casa, o Concello de Teo, a que cada ano sexa o lugar escollido para celebrar a cerimonia de entrega do Caxato de Avelino”.
O acto continuou con dúas voces femininas, por un lado a escritora Navia Rivas de Castro recordou a figura de Avelino cun texto do propio Avelino sobre o que fixo unha reflexión sobre a figura do “caxato” coa dualidade metafórica dun caxato vieiro ou xusticeiro á vez.
Por outro lado, Sara Torreiro, veciña de Santa María de Arzúa, parroquia que este ano foi agasallada co “terceiro caxato Avelino Pousa”, recordou a presenza de Avelino nas festas desta parroquia, tanto na festa caldaria, como no castelo da noite de San Xoán e puxo en valor a idiosincrasia rural e o apego ao propio para confluír neste mundo globalizado. “Idiosincrasia esta –dixo- na que Avelino encaixou de marabilla”.
Proseguiría o acto coa entrega oficial do “Caxato de Avelino” por parte de Alfonso Blanco Torrado, da Asociación Xermolos, ao presidente da Asociación de Veciños de Santa María de Arzúa, así como a entrega dun cadro representativo da figura de Avelino, que acompañará o caxato, o cal foi entregado por “Mini” e “Mero”.
Para rematar, Nora Pousa, filla de Avelino, quixo agradecer a todos os asistentes a súa presenza, así como aos organizadores e institucións colaboradoras o afecto mostrado cara a figura do seu pai e felicitou á parroquia de Santa María de Arzúa por ser a portadora do caxato deste ano, parroquia da que lembrou que Avelino definía como o lugar onde se comía “unha pluscuamperfecta cunca de caldo”.
A continuación os actos seguiron no paseo Avelino Pousa nos Verxeis cunha intervención musical a cargo de Raúl coa peza “O gaiteiro nubeiro”, e falarán Mini e Mero no nome dos asistentes e unha persoa da familia, pechando o acto a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil.
Estaba previsto que a xornada seguirá cun xantar de irmandade en San Xoán de Barcala (A Baña) e pola tarde en Negreira no monólito en memoria de Pousa, á beira do CEIP O Coto de Negreira onde falarán Xoán Xosé Fernández Abella, Alfonso Blanco da AC Xermolos, Guillerme Vidal da AC Afonso Eanes, X. Amancio Liñares Giraut, e o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas.
Os actos contan coa colaboración do Concello de Teo, do Concello de Negreira e da asociación cultural Afonso Eanes de Barcala.