O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo solicita ao Consorcio a construción dun parque comarcal de bombeiros

| compartir:

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, asinou esta mañá xunto cos rexedores de Ames, Boqueixón, Brión, Val do Dubra e Vedra, un documento no que lle solicitan ao Consorcio Provincial Contraincencios e Salvamento da Coruña a construción dun novo parque comarcal de bombeiros, a previsión de reserva de crédito nos orzamentos da Xunta e da Deputación da Coruña do vindeiro ano 2018 para a construción e dotación do novo parque e a celebración dunha reunión, o máis axiña posible, entre os alcaldes asinantes e os representantes do Consorcio, tanto da Xunta de Galicia como da Deputación da Coruña, para abordar os termos do futuro parque comarcalizado.

Os alcaldes asinantes deste documento coinciden en sinalar que “o parque comarcal de bombeiros da área metropolitana de Santiago de Compostela é un asunto recorrente ano tras ano e, goberno tras goberno. Despois das últimas eleccións municipais do pasado ano 2015, coa nova conformación das diferentes forzas políticas nos concellos da área metropolitana e en Santiago, reavivouse a Mancomunidade de Santiago co firme propósito de poñer en marcha unha solución para o problema dos bombeiros”. Deste xeito, esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Ames asinaron dito documento para avanzar na tramitación que é necesaria para dispor deste equipamento.

Previamente, no pasado mes de marzo, tal e como se acordara no seo da Mancomunidade, o Concello de Santiago presentou un estudo económico e de necesidades sobre a posibilidade de comarcalización do seu parque de bombeiros. Posteriormente, solicitouse unha xuntanza cos representantes do Consorcio Provincial Contraincendios da provincia da Coruña para presentar o estudo feito polo Concello de Santiago e barallar outras posibles opcións.

Dita xuntanza realizouse este pasado luns, 24 de abril, nas dependencias da Deputación da Coruña. Nesta reunión mantida co xerente do Consorcio trasladáronlle as posibles cifras que manexaría a entidade para a posta en funcionamento dun novo parque comarcal de bombeiros na área de Santiago, en comparativa co estudo presentado polo propio Concello de Santiago para comarcalizar o seu actual parque. Tamén se analizou a documentación do estudo de Santiago e abordáronse as posibles alternativas existentes a día de hoxe.

Os alcaldes asinantes de dito documento sinalan que “as cifras amosadas demostran que a posta en marcha dun novo parque comarcal de bombeiros na área de Santiago dependente do Consorcio é a opción máis económica, viable e rápida”.

Custo do novo parque comarcal de bombeiros


Para a construción do novo parque comarcal de bombeiros o Consorcio manexa como referencia o parque feito en Santa Comba, aínda que habería que adaptar este modelo ás necesidades específicas da comarca de Santiago. As grandes cifras que manexa o Consorcio son de 800.000 euros para a construción do edificio, entre 750.000 e 800.000 euros para dotar de persoal a dito parque e algo máis dun millón de euros para a compra e vehículos e outro tipo de material que é necesario. Tería un custo aproximado de tres millóns de euros, que é un presuposto inferior o que se reflicte no estudo presentado polo Concello de Santiago para que o seu parque puidera dar servizo á comarca.

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, destaca que con este paso "rematou o tempo das excusas e chegou o momento de que o Consorcio defina prazos para o parque de bombeiros da Comarca de Santiago". O rexedor teense destaca que resulta inadmisible que "sexamos a única Comarca de Galicia sen ese servizo e agora é o momento no que Xunta e Deputación deben amosar o seu compromiso e responder á solicitude dos alcaldes". Dende Teo lémbrase a necesidade de que a xestión deste novo servizo debe ser pública e de xestión directa e non a través dunha concesión.
 

Sinatura solicitude construción dun parque comarcal de bombeiros