O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello acada a súa segunda homologación para unha das rutas de sendeirismo que temos en Teo. Trátase da ruta PR-G 256 Per camiho de Lampai. Os traballos de sinalización que permiten contar con esta certificación fixéronse nas últimas semanas e isto permitirá que este sendeiro teña unha maior difusión entre as persoas afeccionadas a camiñar.
Dende a área de Turismo destacan a importancia de contar cunha segunda ruta con esta distinción logo da PR-G 238 Ruta dos petróglifos que se homologou no ano 2018 e na que nos últimos meses tamén se fixeron traballos de mantemento repoñendo sinais e limpando outras das que estaban colocadas.
A ruta de Lampai ten unha distancia de 4,45 quilómetros e faise de ida e volta. O desnivel de subida e baixada é de 200 metros e o tempo estimado para facela é de unha hora no trazado principal. Ten unha variante con acceso ao miradoiro da Agrela.
O sendeiro parte da capela de Santa Ana, no lugar da Agrela, bordea a fonte da Grela e discorre paralela ao Rego de Tarrío en case todo o trazado. Dende Turismo explica que “este camiño tradicional foi recuperado hai un par de anos coa colaboración da veciñanza da parroquia”. Agora coa sinalización xa está preparado para o desfrute de calquera que queira achegarse a coñecer unha das parroquias máis fermosas de Teo.
Marco do Porto
Nesta ruta, camiñando a carón do Rego de Tarrío, podemos atopar o Marco do Porto, un gran bloque de granito que presenta unha altura de 1,20 m e unha sección triangular que se estreita lixeiramente na súa zona superior. O marco localízase na linde entre os municipios de Padrón e Teo.
Forma parte dun conxunto de tres marcos medievais (dous en Lampai e un terceiro na parroquia de Pedrouso, Padrón).
Miradoiro da Pena da Agrela
A ruta ten unha variante do trazado principal pola que podes subir á Pena da Agrela, o teito natural de Teo, a 410 metros de altitude. O alto, conformado por penas e monte baixo conforma un miradoiro natural, un espazo enclavado entre os vales do Río Ulla e o do Río Sar onde podemos ver dende a desembocadura do Ulla e boa parte da Ría de Arousa ata Compostela pasando polo Val da Maía, o Castro Lupario, o Pico Sacro, o Monte Meda e o Monte Piquiño, sendo este último unha zona de abundante patrimonio arqueolóxico a escasos 2 km do miradoiro.
Pola súa situación e altitude tamén é un lugar idóneo para observar as estrelas.