O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Como parte do seu programa de residencia en Teo, Chévere trae ao Auditorio Constante Liste da Ramallosa unha das producións máis recentes da Companhia de Teatro de Braga (CTB), titulada Ainda o Último Judeu e os Outros, que se poderá ver o día 31 de outubro ás 21.00 h. na súa versión orixinal en portugués.
Esta obra preséntase por primeira vez en Galicia, no marco de Escena Ibérica, un proxecto de intercambio e circulación teatral transfronteiriza no que Chévere se integra xunto con outras nove compañías de España e Portugal que dispoñen de espazo propio ou traballan en residencia en espazos públicos. Dentro desta serie de intercambios, Chévere presentou Eroski Paraíso no Theatro Circo de Braga en maio deste mesmo ano cunha moi boa acollida por parte do público portugués.
A CTB, que traballa en residencia no Theatro Circo de Braga (Portugal), é unha estrutura profesional de teatro formada en 1980 no Porto e instalada en Braga desde 1984. Trátase dunha das compañias máis consolidadas de Portugal. Nos últimos anos a CTB centrou a súa creación artística nos temas da liberdade e a soidade, unha reflexión sobre o “individuo en sociedade”: a Cidade, como espazo público asfixiante; a Rua, como lugar do “teatro do eu”, onde “eu” me escondo do Outro, e onde lle “mostro” só o que “eu” penso que ese Outro quere ver. E a Casa, como espazo íntimo de Liberdade. Onde me “dispoño” e mostro tal cuan son. Unha e outra nun itinerario de abandono, de desistimento, de perda de dignidade e autoestima.
SINOPSE
A peza que presentan en Teo parte dun texto encargado ao dramaturgo Abel Neves, responsable tamén da posta en escena e conta cun elenco de seis actrices e actores.
Daniel decide convocar á súa nai, Judite, e o seu pai, João Victor, para un encontro nun lugar nos arrabaldos da cidade, fóra do conforto da casa. Núria, a sua namorada, ségueo. Obcecado desde sempre coa historia tráxica dos xudeus --a súa avoa, nai de Judite que vive en Holanda, sufríu de nena a perda dos pais, ambos os dous xudeus, nunha situación que a marcou definitivamente, tendo eles sido depois asasinados no campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau-- Daniel non pode descansar ata que non confronta a Judite cunha época que ela non quere lembrar e, sobre todo, non quere asumir por vía do sangue materno. João Victor tenta resolver a disputa sen conseguilo. O lugar do encontro – un armacén suxo e abandonado por onde pasam cazadores e ao que chaman "Bosque Motel"-‐ é visitado por Nelse e Arlete, unha parella, precisamente, de cazadores, que serán testemuños da intensa e brutal situación, acabando involuntariamente por contribuír a un desenlace inesperado.
Autor: Abel Neves. Dirección: Abel Neves. Elenco: Alexandre Sá, Carlos Feio, Eduarda Pinto, Rogério Boane, Sílvia Brito, Solange Sá. Asistente de dirección: António Jorge. Escenografía: Acácio de Carvalho. Atrezzo: António Jorge, Manuela Bronze. Figuríns: Manuela Bronze. Creación de vídeo: Frederico Bustorff. Creación sonora: Pedro Pinto. Deseño gráfico e fotografia: Paulo Nogueira. Desenho de luz: Nilton Teixeira Elenco: Alexandre Sá, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Rogério Boane, Sílvia Brito e Solange Sá.