O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Música, gastronomía e títeres enriquecen a Feira do San Martiño

| compartir:
Parroquia
Calo

A feira do San Martiño, a festa máis tradicional de Teo, cae este ano en sábado. A carballeira de Francos encherase o 11 de novembro de xente para celebrar un ano máis unha feira que este ano se enriquece con música, gastronomía ou títeres nunha ambiciosa programación que comeza nos días previos. 

A programación cultural comeza o 3 de novembro cun concerto no que actúan As Tanxugueiras e Ataque Escampe e Álex Salgueiro. Estas actuacións serán no Auditorio Constante Liste da Ramallosa o venres 3 ás 22:00 horas e será de balde ata completar aforo. Durante esta noite haberá unha sorpresa xa que contaremos coa actuación do grupo de escolares do IES de Cacheiras Máis boas cás patacas que veñen de gañar o concurso Quero cantar organizado pola Deputación da Coruña coa canción Muller. O concerto terá un presentador de luxo, Monti Castiñeiras.

O domingo 5 teremos un roteiro no entorno da carballeira. Este ano farase polas aldeas que rodean o Castro Lupario e partirá dende o Cruceiro de Francos a partir das 11:00 horas. Durará un par de horas e ten un percorrido de sete quilómetros e dificultade media. Para participar non é preciso anotarse, só hai que ahcegarse ao punto de encontro á hora de inicio. Esta andaina está organizado polos Concellos de Teo, Brión e Rois. 

Titiriberia

Este ano co Festival Titiriberia, a feira cabalar recuperará a tradición de acoller un espazo de animación con monicreques, coa actuación de varias compañías a partir das 11:00 horas. Titiribera celébrase por segundo ano en Teo e trátase do único festival en todo o estado especializado en recuperar e difundir a longa tradición das marionetas. O festival comeza o 9 de novembro e remata o 12 con diferentes actuacións e mesas redondas sobre este tema. Podes consultar a programación completa de Titiriberia premendo aquí.

Na véspera do San Martiño actuarán na rúa de Francos as charangas Pola Corta e TNT dende as 22:00 horas. Na véspera da feira xa estarán funcionando numerosos postos de polbo e churrasco e seguro que moita xente xa se achegará á carballeira para comezar a celebración. 

Na xornada do 11 ademais do atractivo dos cabalos e numerosos postos de venda de diferentes produtos teremos a xornada de clausura do PicoTeo. Na carpa municipal situada na propia feira teremos cata comentada de queixos das catro DOs galegas; cata comentada dos viños das cinco DOs galegas, unha degustación de pratos elaborados alí mesmo con produtos galegos de calidade, un obradoiro de elaboración de pan e o sorteos dos premios das xornadas enogastronómicas PicoTeo. Para asistir ás catas e obradoiros é preciso inscribirse previamente no Concello. 

Imaxe do San Martiño

Este ano o San Martiño tamén estrea imaxe grazas ao artista afincado en Teo Quintana Martelo. O pintor elaborou unha acuarela co cabalo como motivo central, unha obra que cedeu sen coste ao Concello para poder utilizalo como imaxe da feira do San Martiño. A reproducción deste deseño contén parte dos primeiros bocetos do autor da imaxe central do cabalo e trazos que debuxan dúas mulleres cortando polbo. Sen dúbida unha imaxe que concentra a tradición dunha feira centenaria, da feira cabalar do San Martiño de Francos. 

Cartel do San Martiño

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
imaxesanmartiño2017.pdf 422.59 KB
Cartel_Andaina_5novembro.pdf 5.24 MB
concerto.jpg 3.65 MB