O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Celébrase o II Festival de Teatro escolar do IES de Cacheiras

| compartir:

Esta mañá presentouse no Salón de actos do IES de Cacheiras o II Festival de Teatro escolar do IES de Cacheiras que se celebrará o sábado, 6 de maio, na carballeira de Francos e no Auditorio Constante Liste, da Ramallosa.

Este evento está organizado pola Aula de teatro do IES de teatro do IES de Cacheiras, o equipo de dinamización da lingua galega, a biblioteca Luisa Villata e o Departamento de Vicedirección e actividades extraescolares e conta coa colaboración do Concello de Teo e coa da Asociación Veciñal Carballeira de Francos.

Na presentación participaron a concelleira de Cultura e Educación María López Álvarez; o Tesoureiro desta Asociación, Eduardo Sayáns Robado; a vocal desta agrupación, Alcira Ferrón Iglesias; a Vicedirectora do IES de Cacheiras, Trinidad Pazos Celis; alumnado de Educación Secundaria que protagoniza o roteiro e a actuación e o director de teatro Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de catro Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Teo, Touro, Compostela e Palas de Rei). O programa deste Festival é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral, poético e musical ás 16:00 horas ao redor da CARBALLEIRA DE FRANCOS, que estará protagonizado pola veciñanza desta aldea e integrantes da Asociación Veciñal Carballeira de Francos, alumnado, nais, pais e profesorado do instituto. Este roteiro consta de sete escenas que permiten imaxinar o bulicio que houbo na Feira de Francos nos anos corenta e cincuenta do século pasado. Combinará música, teatro e poesía e perseguirá varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión dos saberes da xente que habita na aldea, a recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.

Ás 19:30 horas, no AUDITORIO CONSTANTE LISTE, da Ramallosa, a Aula de Teatro do IES de CAcheiras, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do CPI FONTE DÍAZ, de Touro e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo AS MALETAS DOS CONTOS VIAXEIROS.

As maletas dos contos viaxeiros presenta, desde unha perspectiva dinámica, cómica e pedagóxica, diversas historias que invitan á reflexión sobre valores como a igualdade, a cultura da paz, o respecto ao medioambiente, a solidariedade, a integración… Trátase dun espectáculo que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a humildade, o respecto…

Este traballo amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de seres humanos libres e pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren. Sobre o escenario uns personaxes disparatados protagonizarán historias que foron relatadas polas nosas avoas e que propiciarán que o público transite por unha fervenza de emocións. Arriba o pano!!!

Este Festival permite que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2022/23 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral.

Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense, continou o 4 de marzo en Touro, o 25 de marzo en Palas de Rei, 5 de abril en Argamasilla de Alba (Ciudad Real), 6 de abril en San Clemente (Cuenca) e 7 de abril en Tabernas (Almería) e continuará en Compostela o 13 de maio.

 

teatro