O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Os magos do Nadal convidan as nenas e os nenos de Ames, Santiago e Teo a pórlle cor á lingua nas súas cartas de Nadal

| compartir:

Os concellos de Teo, Santiago e Ames poñen en marcha de xeito conxunto unha iniciativa para encher de contido as cartas de Nadal e animar as crianzas a pórlle cor á súa lingua, o galego, e a contar por que motivos escollen esa cor para ela. A súa elección compartirana cos magos nunha carta da forma que cada neno ou nena considere: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os colexios de Educación Infantil e Primaria, as bibliotecas municipais, o Auditorio Constante Liste da Ramallosa e a Casa do Concello contarán con caixas de correo para que os nenos e as nenas poidan deixar alí as súas cartas. Todos os nenos e nenas que participen recibirán resposta nas súas casas  e un pequeno agasallo por compartir cos magos o seu colorido Nadal. Ademais, os Magos de Oriente entregaranlles un premio especial ás tres cartas máis creativas.

Vai xa polo terceiro Nadal consecutivo que os concellos de Ames, Teo e Santiago poñen en marcha de forma conxunta e en colaboración cos Magos do Nadal, unha iniciativa para encher de cor as cartas coas que os cativos e cativas piden os agasallos. Nesta edición co  lema Pónlle cor á lingua, anímase ás crianzas a colorear as linguas do mundo e, nomeadamente, que busquen a cor da que queren que sexa a súa linga, o galego. As cores que xurdan nas súas composicións poderanas compartir cos magos nunha carta da forma que eles ou elas consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda o colorido propio da época do Nadal e que cada neno e nena encontre as súas razóns, en función das emocións e sentimentos, para identificar o galego cunha cor. Por este motivo anímanos a practicar o galego e poñerlle cor.

Os colexios están recibindo xa cadansúa caixa de correo, así como un convite no que un carrizo lles presenta a actividade e como poden participar. O 20 de decembro recolleranse todas as cartas dos colexios para facerllas chegar aos magos.

Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, no Auditorio Constante Liste da Ramallosa e nas bibliotecas municipais para que toda a veciñanza poida participar. Nos locais municipais poderán depositarse as cartas ata o día 3 de xaneiro, incluído.

O obxectivo desta actividade é invitar aos nenos e nenas, e  ás familias, a que utilicen o galego, que liguen os seus sentimentos e emocións cunha cor e que, durante esta época de Nadal, iluminen as nosas vidas cun estalido de cor, aproveitando o atractivo e a ilusión que se xera durante esta época de bos propósitos.

A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta dos nenos/as estea dirixida aos personaxes que se prefiran (o Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou aos propios magos e magas do Nadal.

Cartas-resposta con sorpresa incluída

Todos os nenos e nenas que participen e que indiquen o enderezo correctamente  recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos do neno ou da nena: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto.

Premios para as tres cartas máis interesantes e creativas

Ademais, haberá tres premios para as cartas máis interesantes e creativas. Valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. É fundamental indicar un número de teléfono da familia para que se poida contactar cos nenos e nenas gañadores e convocalos á entrega deses premios, o día 5 de xaneiro da man dos propios magos de Oriente.

Cartas de Nadal

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
FOLLETO MAGOS DE NADAL.pdf 2 MB