O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello convoca unha nova asemblea informativa o xoves 31 de maio ás 20:30 horas no Restaurante San Martiño para informar sobre o proxecto de instalación dunha planta de residuos na zona da Casalonga.
O Concello informou nas últimas semanas da solicitude presentada pola empresa Toysal en relación co proxecto dunha planta de xestión de residuos que se situaría na antiga canteira na Casalonga. A promotora da planta presentou na Xunta, no pasado mes de decembro, a solicitude da autorización ambiental integrada, un proceso longo no que o proxecto será sometido a exposición pública e no que se requirirán diversos informes sectoriais, incluído o do concello.
A solicitude do informe municipal sobre compatibilidade urbanística que a empresa presentou ao mesmo tempo no Concello, deu pé a solicitarlle copia do proxecto presentado na Xunta. Deste xeito puidemos coñecer as características básicas da planta, solicitar un primeiro asesoramento técnico sobre as súas posibles repercusións e informar á veciñanza do proceso e das consecuencias que, previsiblemente, van afectalos de forma grave. Neste marco encádrase a reunión informativa realizada en Francos o pasado 15 de maio e a convocada para o día 31 no restaurante San Martiño.
Toda a información dispoñible sobre o proxecto atópase xa na web municipal premendo aquí e aquí. Toda a información complementaria da que se dispoña irase subindo á web municipal.
Informe sobre o proxecto Toysal
A autorización deste tipo de actividades depende da Xunta de Galicia e dende o Concello, como explicou na reunión do 15 de maio o alcalde Rafael Sisto, é vital o momento de exposición pública para que se poidan presentar alegacións. O rexedor destaca que “é importante ser conscientes de que xa temos información sobre o proxecto e con tempo suficiente para preparar as alegacións en contra dunha instalación que non consideramos axeitada nesa localización”. Un concello coma Teo que se caracteriza por unha actividade socioeconómica vinculada aos servizos e á vivenda residencial, sen espazos de uso industrial e sen actividade industrial pesada, non é o sitio adecuado para instalar unha planta que implica innumerables molestias, que vai desvalorizar as propiedades de moitos veciños/as e tronza unha realidade amable e acolledora.
Nos últimos días mantivéronse reunións cos voceiros municipais e está previsto ter unha xuntanza cos alcaldes dos concellos limítrofes para informar do tema e coordinar a resposta institucional.
Como é o proxecto?
A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.
O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.
O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos.
Que defectos presenta o proxecto?
Nun informe encargado polo Concello a unha empresa especializada neste tipo de proxectos sinálanse unha serie de dúbidas, carencias e aspectos negativos que presenta a iniciativa.
Entre eles, o informe advirte que as instalacións estarían situadas nun terreo inestable, polo que sería necesario un estudo xeotécnico que descarte riscos ou prever medidas que eviten riscos.
Tamén se define como pouco realista a previsión de regar plantacións forestais coas augas de condensación obtidas na planta, ao non especificar onde e cando se faría nin ter un estudo de demanda, co que existe o risco de que as augas non sexan empregadas, creando un problema ambiental.
A carencia dun mínimo inventario de especies de vexetación e de fauna que permita determinar posibles consecuencias sobre o ecosistema é outra das eivas do proxecto presentado.
O informe encargado polo Concello comprobou que o proxecto non prevé a incidencia de posibles cheiros na zona nin medidas mitigadoras que eviten molestias nas poboacións próximas.
Faltan ademais detalles sobre a actividade económica que xeraría o proxecto e moitos datos que se ofrecen neste eido “son propiamente especulativos”, por exemplo cando fala de destinar os fertilizantes ao consumo local sen explicar as características, a demanda ou a forma de venda, segundo o informe.
Do mesmo xeito, o estudo aconsella que se especifique a magnitude do consumo de auga que tería a planta para poder valorar correctamente o proxecto, que se detallen máis as medidas para mitigar o impacto sobre a paisaxe e que se contemple a posible proliferación de pragas de insectos e roedores.
Estamos no inicio do que pode ser un proceso longo, no que a contestación social pode ser decisiva, e no que a decisión final pode depender de manter o tecido social activo e combativo, sempre dentro da legalidade.
Axenda informativa
Ademais da asemblea informativa do 31 de maio o 6 de xuño farase unha mesa redonda no Restaurante San Martiño ás 20:30 con diversos colectivos sobre a realidade deste tipo de plantas de reciclaxe. Conscientes da preocupación por este tema o 11 de xuño farase outra reunión informativa ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Constante Liste para facilitar a asistencia ás persoas doutros lugares do Concello.
Adjunto | Tamaño |
---|---|
Informe sobre Proxecto Toysal.pdf | 4.81 MB |
proxecto toysal.pdf | 11.16 MB |
mocioncasalonga.pdf | 17.42 KB |