O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller

| compartir:

A celebración de 2024 das Nacións Unidas con motivo do Día Internacional da Muller ten como lema Investir nas mulleres, acelerar o progreso, centrándose en cinco áreas que requiren unha acción conxunta: acabar coa pobreza e coa desigualdade, poñer en marcha un financiamento transformador para a igualdade de xénero, pasar a un desenvolvemento sostible e a unha sociedade dos coidados e apoiar os feminismos e movementos que impulsan o cambio.

Levamos anos avanzando grazas ao traballo de milleiros de mulleres, asociacións e colectivos que conseguiron facer do feminismo un movemento sólido e acadar novos dereitos. Nos últimos tempos, estanse a vivir momentos de profundas transformacións sociais, económicas e culturais arredor de todo o mundo. Crises humanitarias, inxustizas e violencia que poñen en risco os dereitos conseguidos ata o de agora.

Este ano, o 8M quere conmemorar todos os avances conseguidos ata a actualidade, pero tamén promover a consciencia das desigualdades sociais que seguen existindo e, quizáis, aumentando. Por isto, este día quere reivindicar a necesidade imperante de investir e de mobilizar recursos para garantir os dereitos das nenas e mulleres, de loitar contra a violencia de xénero e de crear sociedades inclusivas.

A Corporación Municipal do Concello de Teo quere sumarse ás reivindicacións e celebración do 8M para poñer de manifesto a importancia do investimento para acadar a igualdade real e efectiva nun eido vital para o desenvolvemento da nosa sociedade e do noso Concello.

Un día como o 8M, cómpre lembrar e poñer en valor os pasos dados nos últimos tempos para alcanzar unha sociedade máis xusta e equitativa, como a aprobación de leis para a eliminación da discriminación e para a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Porén, a desigualdade persiste en diferentes ámbitos e, nomeadamente, no económico e laboral, como amosa o incremento da fenda salarial de xénero. 

Este último ano, Galicia deu outro paso na regularización coa aprobación da Lei 07/2023, de igualdade efectiva de mulleres e homes na Comunidade Autónoma, aprobada o 30 de novembro. Unha medida que consagra o marco da Lei Orgánica 03/2007 para eliminar a discriminación das mulleres e atribuíndo o máis alto grao de efectividade ao dereito constitucional á igualdade entre mulleres e homes no eido das competencias da Comunidade Autónoma.

Por todo o exposto, a Corporación Municipal do Concello de Teo insta a acordar por parte do Pleno municipal:

 

a) Que o Concello, no marco das súas competencias:

  1. Fomente os plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a empregabilidade das mulleres no tecido económico local. 

  2. Incremente a colaboración coas asociacións de mulleres do concello co obxectivo de promocionar a igualdade en todos os eidos.

  3. Apoie, recoñeza e difunda as convocatorias do feminismo galego. 

  4. Promova a adhesión dos locais de ocio nocturno do municipio ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas.

 

b) Dirixirse á Xunta de Galicia para:

  1. Apostar pola igualdade no ensino, recuperando a oferta da materia de Igualdade de xénero e apostando pola formación transversal do persoal educativo en materia de igualdade para o respecto á diversidade afectivo-sexual; extender e asegurar protocolos contra o acoso lgtbifóbicos e a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos programas docentes.

  2. Impulsar o emprendemento feminino e o fomento de mulleres en sectores altamente masculinizados.

  3. Impulsar unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente por parte da Xunta de Galicia de cara a blindar o cumprimento dos convenios colectivos, eliminar a fenda salarial e mellorar as súas condicións de traballo, singularmente en ámbitos especialmente sensibles como o da limpeza.

  4. Colaborar coas organizacións na promoción de referentes galegas e actividades de comunicación social e sensibilización.

  5. Impulsar unha lei de igualdade no deporte na que se incorporen, entre outras medidas, a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte para a protección das deportistas sobre os ataques machistas e lgtbfóbicos e que contará con potestade sancionadora; o Observatorio Galego da Igualdade no Deporte, protocolos específicos, plans de conciliación familiar e fomento da visibilidade do deporte feminino nos centros educativos e nos medios audiovisuais, en especial no que ten a ver coa CRTVG.

  6. Continuar coa formación dos CIM e do persoal orientador das oficinas de emprego e dos centros educativos de todos os niveis para promover o seu papel impulsor das eleccións vocacionais libres dos prexuízos e estereotipos de xénero.

  7.  Fomentar a corresponsabilidade e a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar para o exercicio profesional tanto no ámbito público coma no privado.

  8.  Fomentar a igualdade como base fundamental na elaboración e execución das políticas administrativas (convenios, plans de acción, protocolos etc.).

 

c) Dirixirse ao Goberno do Estado para:

  1. Incrementar os fondos do Plan Corresponsables para adecuar as accións ás necesidades reais da sociedade co obxectivo de chegar á maior poboación posible.

  2. Unifique todos os fondos finalistas para a prevención e loita contra a violencia de xénero e que todos eles teñan o mesmo tratamento orzamentario, así como que a repartición sexa igualitaria e en base a uns criterios xustos e equitativos.

 

foto corporacion

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
Declaracion Institucional 8M.pdf 174.52 KB