O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo delegará na Xunta as competencias relativas á convocatoria de procesos selectivos no corpo de Policía Local

| compartir:

O Concello estudará esta tarde no Pleno Municipal do mes de abril unha proposta de acordo para delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do seu corpo de Policía Local, incluídas as prazas de auxiliares de Policía Local, mediante a sinatura dun convenio de colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública. 

Esta proposta de Alcaldía vén fundamentada na Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, onde se establece que a propia Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.

Neste senso, cabe sinalar que nos últimos anos non se convocaron novas prazas de Policía Local no municipio de Teo, sendo nove as prazas ocupadas ata o de agora. Porén, tendo en conta a poboación censada por quilómetro cadrado, é máis que necesario incrementar o número de efectivos locais. Por iso, nos propios orzamentos de 2024, o executivo local acordou a posibilidade de poder pasar de 9 a 11 prazas de Policía Local, reforzando este servizo no Concello e mellorando a seguridade e vixilancia en todo o territorio. 

Modificación da ordenanza municipal

Outro dos temas de interese que se debatirá no Pleno desta tarde será a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola realización de actividades culturais e deportivas. 

Así, a modificación pretende manter as tarifas concretas para aquelas actividades de carácter fixo e de características predeterminadas como son as escolas culturais (20 €), deportivas (20 €) e os campamentos de verán e excursións de máis dun día (10 €/día). 

Porén, naquelas actividades cuxas características son máis diversas -calquera non englobada nas tarifa concretas- poderá establecerse, nos casos que así se estimen oportunos, un prezo que reflexe de forma máis real o verdadeiro custo desa actividade en concreto; sempre tendo en conta que se existen razóns de tipo sociais, benéficas, culturais ou de interese público o prezo poderá ser inferior ao custo. Así, o dito prezo poderá vir determinado e aprobado de forma individual pola Xunta de Goberno Local en base a un estudo de custos por proposta do departamento correspondente e previa fiscalización de Intervención. 

Desta forma, a modificación proposta da ordenanza de prezo público responde aos principio de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que o Concello de Teo pretende levar a cabo. 

Así mesmo, mantéñense as exencións e bonificacións recollidas na ordenanza municipal, co fin de que as familias con menos recursos do municipio de Teo poidan seguir desfrutando das numerosas actividades programdas polo Concello. 

foto