O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello e a Xunta de Galicia traballan para implementar o servizo dun bus lanzadeira na maior brevidade posible

| compartir:

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo esta mañá unha xuntanza coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, para presentarlle a súa proposta de bus lanzadeira que cubriría os núcleos da Ramallosa, Cacheiras e Montouto e conectaría coa liña 6 de bus urbano que chega ata o núcleo dos Tilos. 

Así, ante a negativa do Concello de Santiago de Compostela a ampliar a dita liña en 2,5 quilómetros ata a rotonda do Gadis de Cacheiras, a rexedora teense levou ante a Xunta de Galicia a súa proposta dun servizo de bus lanzadeira, co fin de conectar coa capital galega a preto de 9.000 persoas que viven nas parroquias dos Tilos e na de Cacheiras, ademais da zona da Ramallosa, e que se desprazan principalmente por motivos laborais ou académicos. Ademais, matizou a rexedora, o transbordo neste servizo co bus urbano sería gratuíto para todas as persoas usuarias. 

Desta forma, puntualizou Lucía Calvo de la Uz, melloraríanse as conexións co bus urbano, aliviaríase o tráfico rodado cara a Santiago e suporía vantaxes de respecto co medio. Precisamente, eses eran os obxectivos plasmados na proposta que o Concello teense lle presentou, en agosto de 2023, ao Concello de Santiago. Unha proposta que caeu en saco roto, a pesares dunha primeira boa acollida por parte de ambas administracións locais.

Na reunión desta mañá, a directora xeral deu o seu visto bo para analizar esa proposta, enmarcada dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Teo e a Xunta de Galicia polo que se presta un servizo de interese municipal, e salientou que as novas demandas se estudarían na máxima brevidade posible, co fin de poder implementar o dito servizo nun prazo curto de tempo. 

A alcaldesa matizou que este servizo, máis que necesario e demandado por milleiros de veciños e veciñas de Teo, conleva moitas máis vantaxes que as desvantaxes que o Concello de Santiago plasmou no seu informe. 

foto