O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Creación de novas prazas de Educación Infantil de primeiro ciclo en Calo

| compartir:

A Escola Infantil Municipal de Calo xa conta cunha nova acreditación que supón ampliar en 7 a oferta de prazas para crianzas entre 3 meses e 3 anos de idade.

Para obter estas novas prazas foi preciso realizar obras de mellora no centro para as cales se contou co financiamento procedente da convocatoria de axudas promovida polo Ministerio de Educación e a Consellería de Política Social, correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O cambio de acreditación, dunha das catro aulas coas que conta esta escola, permitirá maior flexibilidade e adaptación á demanda real das familias. Ata agora, o centro dispoñía de dúas aulas de 1 a 2 anos con capacidade máxima cada unha delas de 13 crianzas. Coas reformas realizadas, unha desas aulas pasa a ter a consideración de aula de 2 a 3 anos, con capacidade para 20 crianzas. Esta nova configuración tamén resulta máis versátil xa que as aulas de maior número de prazas poden ser autorizadas temporalmente como unidades para crianzas de menor idade ou como agrupamentos, se así o aconsella a boa xestión do centro, logo de coñecidas as solicitudes presentadas para un curso concreto.

O Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública fai parte do Compoñente 21 do Plan de Transformación e Resiliencia dirixido á Modernización e dixitalización do sistema educativo, incluída a educación temperá de 0 a 3 anos. O dito programa trata de avanzar na igualdade de oportunidades dende as idades máis temperás, xa que a escolarización na educación infantil é un preditor da mellora dos resultados no desempeño educativo futuro. 



 

foto