O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello licita a ampliación do parque infantil dos Tilos

| compartir:

O Concello vén de licitar o contrato para a obra de ampliación do parque infantil situado nos Tilos, por importe de 48.387,90 euros. Así, esta actuación está enmarcada na subvención convocada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a Concellos de Galicia para o ano 2024.

O parque infantil dos Tilos é un punto de encontro vital para a comunidade de Teo. Non só é un lugar onde os nenos e nenas poden xogar e divertirse, senón que tamén serve como un espazo de reunión para as familias e a súa contorna é unha área de esparexemento para persoas de todas as idades. Con todo, nos últimos anos, o parque experimentou un aumento na súa demanda e existen unha serie de desafíos relacionados coa obsolescencia das súas instalacións, así como a limitación da súa capacidade, para satisfacer as necesidades dos usuarios.

Neste senso, cómpre sinalar que a poboación infantil da zona é das máis grandes do Concello e o incremento das actividades de lecer e tempo libre entre as familias xeraron unha demanda cada vez maior de espazos de xogo e entretemento ao aire libre. Como resultado, o parque actualmente en funcionamento non é abondo para atender a esta demanda, o que provoca aglomeracións e dificulta o acceso aos xogos e áreas de xogo.

Mediante esta actuación de ampliación do parque infantil, duplicarase esa xogabilidade ao mesmo tempo que se incrementa a idade de uso das instalacións coa provisión de novos elementos de xogo. A ampliación destes elementos é fundamental para garantir un entorno seguro e adecuado para o xogo e a recreación do número de usuarios, nenos e nenas, da comunidade.

Desta forma, un parque infantil renovado e modernizado non só fomentará o vencello social e a interacción entre os veciños, senón que tamén pode ter un impacto positivo na saúde e no benestar emocional da comunidade en xeral.

Toda a información relativa a este procedemento de licitación está na Plataforma de Contratación do Sector Público. 


 

foto