O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O programa de actividades da Feira do San Martiño, que este ano cae en domingo, outórgalle un protagonismo especial á gastronomía de calidade e aos produtos tradicionais. Neste sentido, unha das propostas máis destacadas que acollerá a Carballeira de Francos será o evento enogastronómico con degustación de viños da subzona Ribeira da Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas, da que forma parte o concello de Teo. Tamén se poderán degustar queixos galegos con selo de orixe e calidade. A xornada contará ademais con catas comentadas de viño e queixo. Preme aquí para ter máis información da xornada enogastronómica.
Por outra parte, dentro da mesma iniciativa, resérvase un espazo propio para a recuperación das ‘masolas’, prato tradicional da zona de Teo. O Concello quere darlle valor propio e ofrecerá unha degustación desta elaboración, preparada nas instalacións da Feira por unha veciña do municipio.
Carpa de artesanía
Ao mesmo tempo, como xa é tradicional, o Concello instalará unha carpa sobre artesanía galega durante a xornada do San Martiño. Neste espazo as persoas que o desexen poderán adquirir alfaias, xoguetes, obxectos de coiro e outros produtos elaborados a man.
Por primeira vez vaise celebrar unha xeira de Cantos de Taberna na véspera do San Martiño. A intención desta actividade é animar as horas previas á festa máis senlleira de Teo, acreditada desde 1557 e para a que se está tramitando a declaración de interese turístico de Galicia.
Está previsto que os grupos cantareiros pasen polos postos do polbo na Carballeira de Francos entre as 21:00 e as 23:00 horas do sábado 10 de novembro, xunguindo así a gastronomía e a música populares. O repertorio de pezas é libre e pode variarse durante o percorrido.
Cada unha das formacións disporá de 50 minutos para cantar na polbeira asignada e outros 10 minutos para mudar. As dez persoas cantareiras serán convidadas a bebida e polbo en cada posto, tal como se recolle nas bases da actividade, organizada polo Concello.
Os grupos terán que acudir ás 20:30 horas do propio sábado 10 ata a antiga escola de Francos para recoller as acreditacións coas que actuar, de acordo cos datos cos que formalizaran a súa inscrición. Consulta aquí as bases dos Cantos de taberna de véspera do San Martiño.
Volve Barriga Verde ao San Martiño
O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos chega este ano á súa terceira edición. E faino con maior dimensión ca nunca, con sete días de programación e un incremento da súa presenza na Feira Cabalar de Francos. Esta iniciativa, organizada pola asociación cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverase entre o 4 e o 11 de novembro.
Serán en total doce funcións de títeres espalladas por todo o municipio. Na Feira Cabalar de Francos Titiriberia levará á Feira Cabalar do San Martiño, en Francos, unha barraca de monicreques tradicionais. Haberá varios pases ao longo do día 11, a partir das 11:00 horas. Compañías como Alakrán ou Seisdedos encargaranse da animación da rúa para congregar o público.
Na véspera, o sábado 10, a barraca acollerá ás 21:30 horas o espectáculo As varietés do Barriga Verde, unha das novidades do festival deste ano. É unha montaxe que ten a actriz e cantante Iria Pinheiro como condutora, con coordinación musical de Alonso Caxade e intervención de diversas compañías e artistas.
Consulta aquí o resto da programación de Titiriberia
Participa no concurso #OMeuTeo coas túas fotos do San Martiño
E dirixido á mocidade do Concello lánzas o concurso de fotografía con móbil #OMeuTeo, este ano co San Martiño como eixe central. Poden participar persoas de Teo de entre 12 e 25 anos. Cada participante pode presentar un máximo de tres fotografías entre o 4 e o 18 de novembro.
A temática do certame é este ano a Feira do San Martiño de Francos. As imaxes deben ser inéditas e poderán recoller tanto a feira do 11 de novembro como as diversas actividades do programa nos días previos. As fotos poden presentarse subíndoas ás contas persoais en Twitter ou Instagram. Deben ir acompañadas do cancelo #OMeuSanMartiño e mencionar a conta @MocidadeTeo. Outro método de participación é envialas directamente á plataforma i.gal/omeuteoII.
Unha votación aberta nesa plataforma entre o 19 e o 30 de novembro decidirá a fotografía gañadora. O premio será un
teléfono móbil Fairphone, modular e de fabricación ética.
Consulta aquí o regulamento do concurso
Adjunto | Tamaño |
---|---|
Cartaz 2018 72 ppp.jpg | 1.05 MB |
CantosTabernaVesperaSM2018-Bases.png | 476.04 KB |
Regulamento-Concurso-OMeuTeoII.pdf | 85.59 KB |