O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Titiriberia reflexiona nunha mesa redonda sobre o papel da muller nos títeres tradicionais

| compartir:

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, continúa mañá a súa programación cunha mesa redonda ao redor dos roles femininos no xénero dos títeres tradicionais. Coincidindo coa estrea da primeira versión de Barriga Verde con protagonista feminina o vindeiro domingo na Feira de Francos, o festival Titiriberia aproveita a ocasión para reflexionar sobre o papel da muller neste xénero escénico. Ao igual que noutros campos da tradición, tamén esta arte popular, deuse a repetición de estereotipos sobre o xénero e o comportamento da muller. Nese senso, a necesidade de reflexionarmos e de reconstruírmos as mensaxes que a este respecto se achegan dende os monicreques aparece como algo fundamental para avanzar na recuperación dos mesmos. A mesa celebrarase ás 20.00 h. na Mediateca do Grilo, en Cacheiras, e contará coa participación de profesionais dos títeres como Larratiz Urruzola, Cristina Collazo e Isabel Rei. O acto estará moderado pola investigadora Comba Campoi.

 

Ademais, a programación da xornada inclúe un novo espectáculo de títeres: Barriga Verde ataca de novo, de Títeres Alakrán. A montaxe trata dun feirante de roupa que, desesperado polas nulas vendas, vese sorprendido pola aparición de sona mundial que lle merca todo o xénero. O empresario decátase de que o tenderete é unha vella estrutura teatral que lle evoca a súa infancia nas romarías galegas. A obra poderase ver ás 18.00 horas, no Local da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo (Igrexa, 12. Calo).Calo. Igrexa, 12, Calo

 

Estrea 'Dona Barriga Verde'

Nesta edición de Titiriberia, o programa incluirá a estrea de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachaporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques. A Asociación Morreu o Demo colabora co proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. A intención é que esta montaxe, producida desde a propia organización do festival, poida xirar con posterioridade en diferentes feiras tradicionais e eventos que están a contar de xeito habitual con títeres tradicionais.'Dona Barriga Verde' estrearase na Barraca de Titiriberia que se instalará na Feira de Francos o domingo 11 de novembro ás 12.00 horas.

'As varietés do Barriga Verde'

A de Larraitz Producións Artísticas non será a única estrea que programe Titiriberia nesta terceira edición, xa que o festival inclúe unha montaxe singular o sábado 10 de novembro ás 21.30 horas na Carballeira de Francos. Baixo o título As varietés do Barriga Verde, a montaxe pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Micromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade, Joam Casas e Paco Nogueiras.

alakran