O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Comezan as obras de ampliación e mellora da estrada Galanas a Cacheiras

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, asistiron hoxe ao inicio das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP-8202 en Cacheiras. Un proxecto que levaba parado desde o ano 2017 e moi necesario para a zona.

Trátase dunha obra moi importante en materia de seguridade viaria, polo que ver hoxe as máquinas funcionando é un avance”, sinalaba a rexedora, á vez que lembraba que o Concello estaba pendente doutras melloras viarias por parte da Deputación pero que estaban traballando en sintonía en beneficio da veciñanza de Teo.

Durante as declaracións, o presidente provincial sinalaba que esta obra significaba unha variante que elimina as curvas da estrada durante 700 metros e unha ampliación da plataforma considerable, con 9 metros e 7 deles de calzada. Trátase dun investimento importante, que se retrasa entre permisos e actualización de prezos. “Por fin temos a oportunidade de ofrecerlles aos veciños e veciñas de Teo unha mellora de seguridade viaria” sinalaba González Formoso.

A construción desta variante entre os puntos quilométricos 3+500 e 4+240 vai evitar o paso da maior parte do tráfico polo núcleo da Igrexa, unha zona onde a vía actual é estreita e perigosa, e mellorar significativamente a seguridade viaria nunha zona na que era moi necesario.

A ampliación e mellora da DP-8202 conta cun importe de licitación de 561.215,62 euros e un prazo de execución é de 8 meses. As obras,que veñen de adxudicarse de novo tras a resolución do contrato anterior debido á necesidade de incluír no proxecto a construción dun pedraplén e a reconstrución manual dun muro de pedra, consistirán na creación dunha nova plataforma para a variante, do punto quilométrico 3+50 ao 4+040, e na mellora da actual onde o trazado coincide co actual. O vial disporá dun ancho de 9 metros, dos que 7 se destinarán á calzada e os outros 2 a beiravías (1 metro a cada lado).

Construiranse firmes flexibles de 46 centímetros de espesor, formados por unha capa de cascallo artificial tipo ZA 0/32 de 25 centímetros, outra de macadam bituminoso tipo M-2 de 15 centímetros, unha regadura asfáltica superficial e unha capa de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 SURF 50/70 de seis centímetros de espesor. Nas zonas onde as que o firme se apoia no existente, realizarase un reforzo cun espesor mínimo de 6 centímetros.

As drenaxes lonxitudinais solucionaranse mediante gabias tipo V de 1,2 metros de ancho e 40 centímetros de profundidade. Nas proximidades das drenaxes transversais, as cunetas revestiranse con formigón. En canto ás anteditas drenaxes transversais, executaranse con tubos de formigón con diámetros de 600 de 800 milímetros.

En canto á sinalización, a horizontal está prevista con marcas viarias de pintura branca reflexiva no eixo e nos bordos da calzada. Para a vertical, instalaranse sinais reflexivos. Tamén se contempla a colocación de barreiras de seguridade tipo bionda nos terrapléns de altura superior a 3 metros.

Outras melloras pendentes

Aproveitando a visita do presidente provincial, a alcaldesa lembroulle outros temas de vital importancia para a seguridade viaria no municipio. Nese sentido, cómpre sinalar a necesaria mellora da estrada DP 8205, que vai da Ramallosa a Casalonga, onde urxe mellorar o firme e a sinalización por ser paso de nenos e nenas que van á parada de autobús. Ademais, sinalaba a rexedora, nesa estrada é urxente acondicionar a ponte do Rego de Sestelo, reforzando a súa estrutura e, polo tanto, a seguridade para todos os usuarios que pasan por ela.

Doutra banda, na DP 8201 -que pasa por Oza- compre buscar unha solución para tratar de eliminar as curvas do denominado tramo do Castrillón, co fin de evitar accidentes. Por último, segue pendente tamén o proxecto de mellora da seguridade en Luou (DP-0205) e a súa humanización. 


 

foto