O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo celebra o mes do teatro cunha gran oferta para todos os públicos

| compartir:

O outubro é o mes do teatro no Concello de Teo cunha intensa programación que oferta actividades para todos os públicos, adulto e infantil. As obras representaranse todas no auditorio municipal Constante Liste. 

Malasombra Teatro abre a programación para público adulto coa peza “Dalgo hai que morrer”, o sábado 5 de outubro. Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cento por cento da poboación de todo o mundo, sen distinción de raza, sexo ou condición: a morte. 

O venres 11 será a quenda do Obradoiro de Teatro Municipal de Teo con “Anacos”. Este grupo ofrecerá a súa obra para un público adulto e tamén para a xente moza, demostrando todo o aprendido en dramaturxia e interpretación. Ao día seguinte, sábado 12, tocará “Ás para Álex”, un espectáculo de Baobab Teatro para público familiar, a partir de 6 anos de idade. Unha obra de teatro que trata un tema moi necesario: a esperanza e o xogo para superar as dificultades, neste caso, para superar e soportar unha enfermidade.

A seguinte fin de semana, o sábado 19, será a quenda de Redrum Teatro coa súa peza “Os contos de Lobicán”, un espectáculo musical protagonizado por Victoria Pérez e o veciño teense Guillermo Carbajo e que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. Unha obra destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. 

Esta actuación, que se estrea precisamente en Teo, servirá de apertura a unha xira que incluirá actuacións en varias vilas de Galicia. Ademais, tamén será representada nos tres centros de Educación Infantil e Primaria de Teo, da man da Departamento de Educación. 

Circuíto Galego de Teatro amador

No mes do teatro de Teo tamén hai oco para o Circuíto Galego de Teatro Amador FegaTeatro 2024, no que poderemos ver e desfrutar das distintas compañías de teatro aficionado coas súas últimas obras. Obras para todos os públicos.

Así, Fauna 113 Teatro traeranos o domingo 20 a obra “Os veciños do lado”, onde María e Pedro son unha parella convencional que recibe a visita dos seus novos veciños: Rosa e Ignacio. O que en principio parece unha cea de cortesía entre descoñecidos deparará un encontro disparatado de dobres intencións e segredos inconfesables.

O venres 25 poderedes desfrutar de “En venda”, de Os Trasnos Teatro. Unha comedia con denuncia social, que nos lembra que nunca é tarde para cumprir os soños. O sábado 26 collerá as rendas Max Teatro con “Encarcelados”, contándonos a relación entre unha presidiaria e o seu axente encargado de vixiala, nunha noite especial.

Remata o mes de teatro o domingo 27 coa peza “Get Back”, de Porta Aberta Teatro. Ambientada no Londres do século XXI, o público poderá ver como unha parada de metro pode ser a porta a unha viaxe ao pasado de todos os personaxes. 

cartel