O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
No momento no que se liquidou o contrato con Aquagest (antiga concesionario do servizo de saneamento e abastecemento do Concello), contrato que posteriormente foi declarado nulo de pleno dereito, esta non aceptou o cálculo da intervención municipal. Mentres que a liquidación da Intervención municipal estimaba que Aquagest debía uns dous millóns de euros ao concello, Viaqua (novo nome comercial de Aquagest) consideraba que o concello lle debía case catro millóns e medio.
O Xulgado contencioso administrativo núm 1 de Santiago ditou sentenza en xullo de 2018 dando a razón ao concello na liquidación realizada pola Intervención, se ben recoñecía certos dereitos económico a Viaqua en relación cos investimentos realizados en obras. O alcalde, Rafael Sisto, destaca que "en contra dalgunhas interpretacións interesadas, o Concello sempre considerou que era unha sentenza satisfactoria para os intereses municipais e, de feito, foi Viaqua quen recorreu a sentenza".
Pois ben, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de ditar sentenza desestimando integramente o recurso de apelación interposto por Viaqua. Ademais, a sentenza ratifica e clarifica os criterios cos que debe facerse a liquidación, isto é, que a liquidación debe practicarse dende o ano 2001 e que, para facela, deben aplicarse os prezos e cláusulas orixinais do contrato de xaneiro de 1989 actualizados co IPC, criterio defendido pola Intervención municipal.
A sentenza desestimatoria do recurso rexeita a reclamación de Viaqua do lucro cesante e dos custos legais, e ratifica a obriga de pagarlle ao concello os custos de enerxía eléctrica e de xestión da EDAR de Calo.
As consecuencias económicas detalladas da sentenza son que VIAQUA debe ao Concello: 2.331.274,85€ resultantes das liquidacións entre 2001 e o 3º trimestre de 2015, 762.246,10€ de enerxía eléctrica pagada polo concello e que debía ter asumido VIAQUA e 229.884,82€ pola xestión da EDAR de Calo. Un total de 3.323.405,77€. Pola contra, o concello debe pagar 1.556.251,03€ polo investimentos realizados por VIAQUA na rede municipal de Teo.
A liquidación final é polo tanto de 1.767.154,74€ a favor do concello. Contra este fallo do TSXG só cabe un posible recurso de casación diante do Tribunal Supremo, moi limitado polos conceptos admisibles neste tipo de recursos.
Adjunto | Tamaño |
---|---|
STZA VIAQUA.PDF | 587.33 KB |