O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo presentou hoxe unha nova edición da súa feira cabalar San Martiño de Francos 2024, da man das asociacións culturais que colaboran no festexo deste gran día. No acto estiveron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, e representantes das asociacións culturais O Colectivo A Rula, a Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, a asociación veciñal Carballeira de Francos, a asociación Artesanía de Teo e o colectivo Amigos do Cabalo de Teo.
A oferta de actividades é ampla e concéntrase nunha fin de semana de troula, obradoiros e actividades para toda a familia. Así, esta nova edición arrincará o venres, 8 de novembro, coa lectura do pregón á cargo do comunicador e divulgador científico, Ignacio Balboa, tamén veciño de Teo. Seguidamente, animarán os festexos a banda de rock Astarot, na Carballeira de Francos, a partir das 21.30 horas da noite. Será un espectáculo de balde que dará inicio ao evento socio-cultural e económico máis importante do municipio.
O sábado 9 de novembro celebrarase pola mañá unha ruta interpretativa polas terras da Raíña Lupa, mentres que pola tarde haberá unha proxección e coloquio sobre o paso do tempo polo San Martiño. Ambas actividades correrán a cargo da asociación cultural Colectivo A Rula. Tamén pola tarde haberá unha escape room sobre a Igualdade, promovido polo Centro de Información á Muller (CIM) de Teo. Actividade que no pasado Dia da Muller Rural tivo moi boa acollida entre os asistentes. Para rematar o día, foliada polos distintos postos das polbeiras, amenizada polo Asociación Musical Ghazafellos co seu concerto “Gaitas ao lombo”.
O domingo chega “A Feiriña, Martiño Cabaliño”, pensada para desfrutar en familia recreando o mundo cabalar, dándolle así prioridade nas actividades aos máis pequenos da casa. Ademais dos obradoiros de chapas e galletas de Martiño O Cabaliño, pola mañá haberá o “Xogo dos cabaliños”, un xogo de mesa xigante na carpa institucional e, pola tarde, unha xincana sobre cabalos e lendas con recompensa final e deseñado ad hoc pola cooperativa Amarelas e un obradoiro para a construción dun cabaliño de pau. Cara as 17.30 horas será a quenda de Pakolas, co seu concerto “As máis molonas de Pakolas”, tamén na carpa institucional. Remataremos a xornada con outra foliada nos postos das polbeiras co grupo “Os Esfolladores de Illobre”.
Día grande do San Martiño
Como cada ano, desde as 6 horas da mañá abrirá a trata de gando cabalar. Este ano, co fin de homenaxear a xente do cabalo, haberá entrega de agasallos e premios aos tratantes que participen na feira. Será a partir das 11.00 horas, galardoando aos tratantes máis maior e ao máis novo, ao tratante con máis cabezas de gando e o que teña maior diversidade equina. Do mesmo xeito, haberá un pequeno agasallo para todas aquelas persoas que asistan á feira a cabalo, conservando así esta valiosa tradición centenaria e asegurando a súa transmisión ás futuras xeracións.
Ese día tamén estará presente o mercado tradicional e o de artesanía, con demostracións en vivo. Desta forma, potenciarase os produtos locais, dándolle tamén protagonismo aos produtos de tempada cun pequeno obradoiro de cociña en directo e a posterior degustación de pratos con cabaza e castaña.
Ao longo da mañá levaranse a cabo catas e degustacións, para as cales haberá que inscribirse previamente na páxina web do Concello, dos catro queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, da Mel de Galicia, de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia -maridados con produtos de Artesanía Alimentaria- e de viños das diferentes subzonas da DO Rías Baixas. Unha aposta polos produtos de calidade onde a xente poderá coñecer as súas características e cualidades e desfrutar delas.
Para os máis pequenos tamén haberá diversos espectáculos, entre eles os organizados pola tradicional A Barraca de Barriga Verde -en sesión de mañá e tarde-, un espectáculo itinerante de música en vivo con “O Cego na feira” e a compañía de Charanga Calo, que se encargará de amenizar o día.
Feira histórica
Esta feira, que se celebra cada ano o 11 de novembro, está especializada na venda do gando cabalar, mular e asnal e conta con máis de 500 anos de antigüidade. De feito, na actualidade segue sendo unha das datas de referencia no calendario festivo e afectivo da veciñanza de Teo e da bisbarra de Compostela.
Precisamente, dada a súa relevancia e peso no concello de Teo, o Goberno local considerou necesario solicitar novamente á Xunta de Galicia a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia, apelando o seu alto valor cultural, gastronómico e etnográfico, salientando as súas características centradas na tradición gandeira do país e promocionando tamén os produtos locais e artesáns.
Adjunto | Tamaño |
---|---|
Cartel_SanMartiño_Teo.pdf | 8.95 MB |