O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A Xunta remite ao Concello o novo plan de restauración da canteira

| compartir:

A Xefatura do Servizo de Enerxía e Minas, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de remitir este xoves 18 de xullo ao Concello de Teo a documentación sobre un novo Plan de restauración para a concesión de explotación “Casalonga” numero 6696. O documento remitido pola xunta pide a remisión dun informe municipal, tal e como se regula na normativa ao respecto, no prazo dun mes desde a recepción da documentación. Deste xeito o prazo remata o 18 de agosto, en pleno período estival. 

Podes consultar aquí o Plan de restauración e aquí o anexo ao citado plan de maio do 19. 

Dende a Concellaría de Urbanismo destacan que o informe solicitado sobre o Plan de restauración non é preceptivo nin vinculante. O documento será analizado polos servizos técnicos da Oficina Municipal de Urbanismo para a elaboración do informe que será feito público unha vez que se emita e se envíe ao organismo autorizador deste tipo de Plans, como é o Servizo de Enerxía e Minas, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia.

Este Plan de Restauración da explotación “Casalonga”, promovido por Toysal, afecta a case 56 hectáreas de terreo da canteira, no que se pretende alcanzar unha morfoloxía do terreo similar á que existía antes do inicio dos traballos da explotación da canteira, a través do recheo da zona afectada con residuos inertes, nos que se inclúen os seguintes tipos:

  • Residuos da prospección, extracción de minas e canteiras, e tratamentos físicos e químicos de minerais.

  • Residuos de procesos térmicos: residuos de materiais de fibra de vidro.

  • Residuos de construción e demolición.

  • Residuos municipais , tipo terra e pedras.

O volume de recheo, conforme aos datos presentados por Toysal no Plan, será de 9.869.500 m3 de residuos, nos que o 167.575,87 serán de terra vexetal ou un substituto da mesma, como os tecnosolos. Finalmente, prevese a plantación de árbores, como fase final da restauración.

Dado que os materiais a empregar no Plan proceden dos procesos de valorización e xestión integral de residuos que constitúen a actividade principal da empresa titular deste dereito mineiro, Toca Salgado, SL, as tarefas de recheo realizaranse a custo 0 para a empresa, porque os ingresos previstos en concepto de xestión de residuos cubriran os custes de vertidos, estendido e compactación.

Así mesmo, na documentación aportada inclúese o Documento Ambiental para a Avaliación Ambiental Simplificada, nos que se inclúen un estudo dos efectos deste Plan de Resturación sobre a atmósfera, sobre a biodiversidade, sobre o ciclo da auga ou sobre a poboación, que a empresa prevé.

Prevense como efectos adversos neste Documento, a alteración da calidade do aire debido a emisións gasosas, de pó e partículas; as alteracións na saúde das persoas debido a estas alteracións da calidade do aire; ou o risco de contaminación artificial das augas, e como efectos positivos, a creación de emprego e reactivación económica ou a valorización de residuos inertes.

Toda a documentación relacionada co citado plan de restauración pódese descargar na seguinte ligazón: 

http://descargas.xunta.es/4bb43d31-6cb9-474d-a901-e8cd9ea58ec01563278451719

Inadmisión da paralización da actividade

Por outra parte a Xunta tamén comunicou ao Concello a inadmisión da solicitude de paralización da actividade da canteira que o Concello realizou o pasado mes de abril. Neste momento a asesoría xurídica está estudando a resposta da Consellería para valorar a posibilidade de recurso da mesma.