O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A campaña “Rasca e Gaña no Nadal de Teo” arrinca o vindeiro luns 16 de decembro con preto de 80 establecementos adheridos

| compartir:

O Concello de Teo lanza unha nova edición da campaña de apoio ao comercio local, baixo o título "Rasca e Gaña no Nadal de Teo". Esta iniciativa arrinca o vindeiro luns, 16 de decembro, e ata o 5 de xaneiro de 2025, en case 80 establecementos do municipio. Os departamentos de Desenvolvemento Industrial, Economía Local e Parques e Xardíns e o de Cultura e Turismo foron os encargados de levar a cabo esta iniciativa.

Con esta iniciativa búscase fomentar o consumo no comercio local durante o Nadal, promovendo a dinamización económica do municipio e recompensando á clientela. Así, os establecementos adheridos disporán de 500 boletos “rasca e gaña”, dos que un estará premiado cunha cesta de Nadal con produtos de alimentación, achegada polo Goberno local. 

A listaxe dos establecementos participantes vai dende tendas de alimentación, florarías, mercerías, clínicas, servizos e produtos do fogar, estancos e lotarías, fotografía e instrumentos musicais, xardinaría e produtos agrícolas, ópticas, salóns de peiteado e estética ou librarías e material didáctico. Desta forma, chégase a todos os tipos de establecementos que hai en Teo, poñendo en valor -unha vez máis- a diversidade de negocios existentes no municipio e deixando claro que en Teo temos de todo para poder mercar os agasallos deste Nadal.

Colaboración co comercio local

Esta iniciativa súmase á campaña “Merca no comercio local, merca en Teo”, lanzada tamén polo Concello para colaborar co sector comercial. A través dun vídeo promocional, buscouse dar a coñecer a gran oferta de negocios existente no municipio e invitar así á veciñanza -e aos foráneos- a realizar as súas compras nos establecementos locais, fomentando o comercio de proximidade. 

A maiores, e no marco desta colaboración co tecido empresarial teense, o Goberno local vén de poñer en marcha a campaña de promoción do seu tecido hostaleiro e da restauración, baixo o lema “Aquí todo sabe a Teo”. Neste caso, incídese na gran oferta de locais que provén á veciñanza dunha gran variedade gastronómica, dende locais tradicionais a establecementos máis innovadores, pero sempre co selo característico de Teo. 

Apoio nos orzamentos de 2025

Do mesmo xeito que nos orzamentos de 2024, o Concello de Teo aprobou inicialmente as súas contas para o vindeiro ano 2025, onde o turismo e o comercio local seguen tendo o seu peso. Así, a partida ascende a preto de 270.000 euros, unha cifra coa que o Goberno local pretende intensificar as actuacións para a promoción turística e seguir poñendo en valor o comercio local teense. 

foto

Arquivos descargables