O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Teo aprobou hoxe a cesión á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia dunha parcela para a construción de vivendas de promoción pública

| compartir:

O Pleno do Concello de Teo aprobou hoxe a cesión gratuíta á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia dunha parcela para a construción de vivendas de promoción pública. 

Así, a parcela está situada na rúa Cernadelo, no lugar das Galanas, parroquia de Calo. Trátase dunha parcela cunha superficie de 1.985,10 metros cadrados, que segundo o planeamento municipal, está destinada á construción de vivenda plurifamiliar e que forma parte do Patrimonio Municipal do Solo creado polo Concello mediante acordo plenario do 29 de outubro de 2008. 

Tal e como se recolle na Proposta, esta cesión gratuíta redunda de maneira evidente e positiva en beneficio dos habitantes do termo municipal na medida en que a construción de vivenda é un dereito dos cidadás e unha obriga das Administracións Públicas, tendo a súa execución un impacto positivo e evidente para os habitantes do Concello. 

Unha vez aprobada a Proposta polo Pleno do Concello, que tivo lugar hoxe ás 20.00 horas, someterase o expediente a información pública polo prazo de vinte días mediante o seu anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que consideren pertinentes. No caso de que non houbera ningunha alegación, o acordo quedará definitivamente adoptado e farase público no BOP da Coruña.

POS+ 2025

Outro acordo que se debateu hoxe no Pleno municipal foi a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único Concellos) POS+ 2025. Deste xeito, o Concello poderá solicitar a aplicación da achega provincial asignada. 

Este orzamento dedicarase a gastos correntes e o 25% a investimentos financeiros sostibles, concretamente ao afirmado e acondicionamento do viario municipal entre San Domingo e Luou.

foto