O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O cabalo e a artesanía feita en Teo serán os grandes protagonistas da Feira Cabalar de Francos

| compartir:

O Concello de Teo ten unha programación para a feira cabalar do San Martiño na que o cabalo e a artesanía feita en Teo serán dous dos grandes protagonistas. A feira celébrase o 11 de novembro na carballeira de Francos, en Calo. Trátase dunha celebración que figura documentada xa no século XVI. Trátase dunha das feiras máis antigas e singulares de Galicia e neste ano o Concello tamén agarda recibir a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, que se está tramitando diante de Turismo de Galicia. Iria Otero, concelleira de Turismo, explica que "confiamos en que este sexa o ano definitivo no que academos, por xustiza e merecemento, a declaración de festa de interese turístico de Galicia". 

Antevéspera do San Martiño

A actividade festeira comezará na antevéspera do San Martiño. Dende o departamento de Turismo deseñouse un amplo programa de actividades pensando en todos os públicos. O sábado comezamos no Mercado do Alimento Labrego, nos Tilos, onde se fará un obradoiro de cabalos de pau. Os nenos e nenas de menos de 7 anos terán que estar acompañados dunha persoa adulta. Poderán facer un cabaliño de pau con materiais facilitados polo Concello e rematarán cunha pequena carreira ao redor do mercado. Para participar só hai que achegarse á praza circular dos Tilos algo antes das 12:00 xa que non é preciso anotarse previamente.

(EDITADO) Pola tarde estaba prevista unha mostra de salto cabalar na zona da Piollosa, grazas á colaboración da firma Haras de Compostela. Lamentablemente as choivas destes días fan que o terreo no que estaba previsto realizala non estea nas condicións axeitadas, polo que a demostración queda APRAZADA. Nas vindeiras semanas programarase unha nova data para a exhibición.  

A antevéspera do San Martiño rematará co evento LGx15 no Auditorio Municipal Constante Liste. Un evento no que oito persoeiros nos contarán de maneira entretida e divertida as súas reflexións e recomendacións para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. En definitiva porán en valor falar en galego. Nesta nova edición do LGx15 haberá música e humor grazas á reaparición de Os da Ría Íntimos, é dicir, Arturito Puy e Fabián Santomé acompañados por Suso Pián, que nos ofrecerán algúns dos seus éxitos e conducirán a gala co seu elocuente estilo. As entradas para este evento están á venda no web do LGx15 ao prezo de 6 euros e tamén se poderán adquirir nos próximos días na Tenda A Reixa de Compostela e na Librería d’Ana da Ramallosa. O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros no propio Auditorio Constante Liste.

Véspera do San Martiño

(EDITADO) A véspera do San Martiño arranca dende hai anos cunha andaina a partir das 11:00 horas dende a escola de Francos. Este ano estaba programada a ruta do túnel do Faramello. Sen embargo queda APRAZADA pola previsión de choiva para toda a fin de semana. Nas próximas semanas comunicarase a nova data de realización. 

"A andaina centra a súa atención na primitiva liña do camiño de ferro galego, Cornes-Carril, no treito que quedou en desuso en 2007 logo da instalación da nova vía férrea do ave e da apertura do novo túnel do Areal" segundo nos explica Pablo Sanmartín, arquiveiro municipal. 

Para a hora do vermú teremos un concerto da Escola de Gaitas de Ortigueira. Comezará ás 13:30 horas e se chove farase na carpa municipal instalada ao pasar a escola de Francos en dirección á carballeira. En caso de que o tempo non acompañe na carpa tamén teremos dende as 15:30 ata as 19:30 horas xogos tradicionais para todos os públicos. Haberá crebacabezas, carreiras de autos tolos, zancos, xogo de ouriñal, carreira de tartarugas... es así ata 30 xogos nos que grandes e pequenos poderán desfrutar. Ás 17:00 horas comezará, na escola de Francos, un Obradoiro de arte rupestre en colaboración co colectivo A Rula. Está dirixido a público familiar (a partir de 4-5 anos) e con esta actividade quérese achegar a riqueza do patrimonio arqueolóxico teense aos máis pequenos/as dun xeito lúdico e divertido. Farán os seus propios calcos, realizarán pinturas rupestres e ata tentarán facer lume. Para este taller tampoco é preciso anotarse. 

Fóra da carpa, dende as 16:30 ás 18:30 horas está previsto realizar paseos en poni para público infantil. Esta actividade está pendende da predición meteorolóxica. 

Xa cara a noitiña a oferta céntrase máis nas persoas adultas e na música de diferentes estilos. Na carpa do San Martiño ás 20:00 horas comeza o concerto da banda Os Amigos dos Músicos. Ás 21:30 horas nas carpas das polbeiras terán lugar os II Cantos de taberna da véspera no que grupos cantareiros cantarán pezas populares. Os grupos participantes deben recoller as súas credenciais entre as 21:00 e as 21:30 horas na escola de Francos.

Día da feira do San Martiño

O día grande da feira, o luns 11, comezará cedo coa entrada dos cabalos no espazo da carballeira e coa intalación de numerosos postos de compra venda de produtos, destacando aqueles centrados na alimentación e nos relacionados co mundo agropecuario. E por suposto a presenza dos postos das polbeiras que xa estarán instalados dende a antevéspera. 

A carpa municipal do San Martiño será nesa xornada un espazo expositivo do mellor produto e da mellor artesanía realizada no Concello. A mostra do artesanado contará con pezas de firmas de artesanía xa moi recoñecidas ao carón doutras que están medrando. Así poderemos ver o traballo de xoiería de Brigantia Orfebres, Carmen Lago, Ferraxe de Prata, Petite Julliette, Rosa Méndez e Silvereira. Os instrumentos tradionais feitos en Teo chegan da man de Iago Salgado, Obradoiro Seoane e Oli Xiraldez. Veremos as creacións con corda de algodón de Degeronónimo, o traballo en téxtil de Marta Portela, a arte floral de Floriforma e o escaparatismo de Spacio B. Tamén haberá un espazo para os primeiros artesanos coa arte celta e rupestre en metal de Pablo Leal e o traxe tradiconal de Álex Regueiro. 

Na carpa do San Martiño haberá ademais postos do Mercado do alimento labrego e unha mostra dos viños con Denominación de Orixe Rías Baixas producidos en Teo. O espazo contará tamén cunha mostra de fotografías da feira do fotógrafo local Moncho Rivadulla ou os cadros de Xosé Liste. Iria Otero, concelleria de Turismo, explica que "esta carpa do San Martiño queremos que sexa unha mostra do gran potencial que ten o Concello, amosando a nosa mellor faciana na nosa festa grande".  O luns tamén teremos animación pola feria coa figura do Cego

Titiriberia 

Un ano máis, o Festival Titiriberia asentará a súa presenza na Feira de Francos polo San Martiño coa instalación da súa xa habitual Barraca. Este espazo escénico, situado na Carballeira de Francos, abrirá a súa actividade o domingo 10 de novembro ás 21.30 h. coa estrea de As varietés do Barriga Verde, un espectáculo que, presentado por Iria Pinheiro co acompañamento musical do grupo Áureas, contará coas actuacións de clown, escapismo e manipulación de obxectos a cargo de Pajarito, Maria Dobronich (Arxentina), Quinquilláns, Trécola e Alakrán.

Xa o luns 11, día de San Martiño, a partir das 10.30 h. as compañías galegas Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía Indignati da Asociación Galega de Commedia dell'arte encargaranse da animación de rúa e do campo da festa con diferentes actuacións que servirán para chamar a atención do público. Ás 11.30 h., na propia Barraca, chegará a quenda de Barriga Verde ataca de novo, espectáculo de Títeres Alakrán, e ás 12.30 h., a artista napolitana Irene Vecchia presentará a súa peza Pulcinella. A actividade na Barraca completarase pola tarde xa co artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana que ofrecerá a partir das 16.00 h. un pase da súa peza Mamulengo Capiroto, que tamén se poderá ver pola mañá nunha primeira sesión ás 10.30 h.

Renfe

Por outra banda o luns tamén podes vir ao San Martiño en tren dende Vigo ou Santiago. Renfe autorizou varias paradas nesa xornada na estación de Osebe.
Farán parada en Osebe os seguintes trens:

33484.- Vilagarcía- Santiago.- Osebe.- 15,56h.
33526.- Vigo Guixar- A Coruña.- Osebe.- 11,11H.
33421.- A Coruña- Vigo Guixar.- Osebe.- 10,49H.
33455.- Santiago - Vigo Guixar.- Osebe 14,50H.
Ademais dos dous habituais que realizan parada diariamente:
12488.- Vigo Guixar- Santiago.- Osebe 19,47H.
12444.- A Coruña- Vigo Guixar.- Osebe.- 19,58H.
Dende a estación de Osebe hai que achegarse á N-550 e dende alí baixar ata a carballeira de Francos. Un paseíño duns 20 minutos andando.

Dende a organización lémbrase aos tratantes a obriga de acudir co DIE (Documento de Identificación Equina) e co código REA da explotación. O límite de entrada para animais as 10 horas, momento no que o servizo de veterinaria da Xunta deixará de facer o rexistro de entradas. As persoas que teñan que facer unha guía de saída poderán facelo nas oficinas de extensión agraria en Padrón ata as 14:30 horas. 

Para ver a localización da Feira de Francos podes premer aquí

san Martiño