O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na súa visita á ruta de sendeirismo ‘Per Caminho de Lampai’, nun acto que se enmarca no acordo recentemente asinado coa Federación Galega de Montañismo (FGM) para a inspección das 151 sendas homologadas de Galicia.
O convenio subscribiuse para supervisar o estado de conservación das rutas inscritas no listado da FGM, de cara a reeditar o folleto ‘Sendas para descubrir un país’. Así, a Federación encargarase de requirir aos entes promotores das sendas homologadas destas provincias a súa posta a punto para despois revisalas. Se neste proceso se detectasen novas deficiencias, requirirase a súa corrección. En caso de que non se realicen estes traballos ou non sexan suficiente, a ruta será deshomologada. Inicialmente estanse a revisar as 82 rutas das provincias da Coruña e Lugo e logo continuarase coas de Ourense e Pontevedra.
A ruta ‘Per Caminho de Lampai’ (PR-G256) é unha das que acadou a súa homologación nos últimos anos; en concreto, en 2023. Abrangue unha distancia total de 4,45 quilómetros durante o seu percorrido circular, e pasa polo miradoiro de Agrela. Con 410 metros de altitude, este permite ver desde a catedral de Santiago ata a ría de Arousa. A outra ruta homologada en Teo, que tamén irá incluída nese folleto, é a “Ruta dos Petróglifos” (PR-G238), de 11,9 quilómetros de percorrido onde se pode desfrutar dunha gran cantidade de restos arqueolóxicos. Na actualidade, Galicia conta con 151 sendas homologadas, que supoñen 1.967,7 quilómetros practicables.