O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Teo acollerá unha exposición do artista Rafael Romero Masiá, nomeado este ano fillo adoptivo do municipio

| compartir:

O Concello de Teo acollerá do 12 ao 26 de setembro a exposición de arte de Rafael Romero Masiá. A inauguración desta exposición será o vindeiro venres, 12 de setembro, ás 19.00 horas no Auditorio Municipal Constante Liste, sito na Ramallosa. O acceso a esta exposición será gratuíto para que a veciñanza poida desfrutar destas obras. 

A exposición estará formada por unha vintena de pezas, onde os asistentes poderán comprobar o talento deste artista para o debuxo, a gracia na composición e a súa imaxinación narrativa. Así, Masiá presentará unhas obras onde fabula escenas expresionistas con personaxes imaxinados en clave figurativa, desenvolvendo experiencias abstractivas e reformulando vellas receitas do cubismo e da xeometría. Un pequeno repaso polos últimos quince anos deste artista galego. 

Os horarios para poder visitar esta exposición serán de luns a venres de 9.00 h a 14.00 horas e de 17.30 h a 19.30 horas da tarde. O sábado estará aberto o recinto municipal de 10.00 h a 14.00 horas.

Fillo adoptivo

O artista santiagués Rafael Romero Masiá é licenciado en Belas Artes pola facultade de Santa Isabel de Hungría, en Sevilla. Dende o ano 1982 é profesor numerario de debuxo artístico na Escola de Artes Plásticas e Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. 

As súas exposicións artísticas individuais e colectivas chegaron a numerosos recunchos da xeografía española, traspasando fronteiras ata cidades como París ou Lorient, no país veciño de Francia. Entre os galardóns recibidos, que non son poucos, destaca o 1º Premio Provincial no XXVIII Certame Nacional de Arte, o 2º Premio do Primeiro Certame Nacional de Pintura “Isidro Parga Pondal” ou o 1º Premio no IV Certame Internacional de Pintura “Puerto Banús” de Marbella. 

En maio deste ano 2025 foi nomeado Fillo Adoptivo do Concello de Teo grazas ao seu traballo, contribuíndo a espallar a cultura e a arte, así como o nome de Galicia, polo mundo adiante.

foto