O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A Concellaría de Lingua, a través do Programa Apego, programa unha ruta en familia na procura de cogomelos como actividade para o mes de outubro. Será unha saída de campo en familia para aprender a identificar e apañar diferentes especies de cogomelos, e servirá para coñecer as características das diferentes variedades que existen pola zona teense, así como para aprender a nomealos, xa que a lingua é moi rica á hora de designalos.
A data da saída será o sábado 24 de outubro ás 11.30 h e será adecuada para crianzas de 0 a 6 anos e as familias poderán acompañalas, mentres aprenden con xogos sensoriais a utilizar o gusto e o olfacto na proba destes fungos. Todo isto dirixido por Sira López, educadora ambiental.
A zona de inicio da ruta será a Área recreativa de Mouromorto, na Parroquia de Calo, unha zona moi adecuada para a busca destes fungos, xa que existen diferentes tipos de vexetación e monte, tanto de coníferas como de bosque autóctono, con carballos, castiñeiros e outras especies, o que crea diferentes hábitats de crecemento. Ademais, a propia zona de partida é unha zona moi acolledora á hora de saír en grupo e axeitada para facer a recompilación final da recollida.
Preme aquí para ver a ubicación da Área recreativa de Mouromorto.
As persoas que decidan ir á ruta deben levar calzado e roupa apropiados para andar pola natureza e, de poder ser, unha cesta de vimbio ou de castaño, e unha navalliña.
As prazas están limitadas a 20 crianzas, acompañadas pola familia, é de balde con inscrición previa que pode realizarse a partir do 13 de outubro, por orde de entrada, enviando o nome completo das persoas asistentes e DNI (no caso de telo) ao enderezo-e politicalinguistica@teo.gal
A ruta cumprirá coas medidas sanitarias establecidas na data do evento e que se comunicarán ás familias a través do enderezo-e no que realicen a inscrición.
O proxecto Apego está destinado a familias con crianzas de ata 6 anos que están interesadas en socializarse en lingua galega e propoñer recursos para o uso da lingua galega co fin de crear vínculos coa familia, e para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do voso fillo ou da vosa filla.
Podes ter máis información en http://apego.gal ou no Facebook Apego.gal