O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Concello de Teo vén de celebrar un novo Pleno Extraordinario, tal e como marca o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Teo. O segundo debate de estado do municipio logo de 15 anos sen convocarse, pois antes da súa convocatoria en 2025 non se celebrara dende o ano 2010.
Nesta sesión extraordinaria, valorouse o balance das actuacións levadas a cabo no ano 2025 polo actual Executivo local, o cal se resume pola rexedora nun “desenvolvemento claro e ambicioso e con proxectos serios e viables”. Unha sesión de control que durou máis de dúas horas e onde se explicaron detalladamente as actuacións máis destacadas nos diferentes departamentos e os eixes de traballo seguidos.
Así, a alcaldesa comezou falando por unha das prioridades do seu executivo, que non é outra que o crecemento e desenvolvemento do territorio, basándose non só na creación de postos de traballo senón tamén na fixación de poboación. Neste senso, destacou a cesión de solo urbano consolidado para a construción de vivenda de promoción pública, co fin de que a veciñanza poida acceder a unha vivenda digna e que os xóvenes teñan opción a quedarse no municipio.
Unha realidade, tal e como sinalou, que debe vir acompañada de servizos e oferta de traballo. Así, lembrou que o executivo local aprobou en tempo récord un plan especial para o desenvolvemento do polígono industrial en Teo. Un polígono de 11 hectáreas que permitirá surtir de terreos aos empresarios teenses e aos que queiran trasladarse ao Concello. Neste senso, matizou que na actualidade se está traballando no proxecto de expropiación de terreos, petición realizada polos propios titulares das parcelas afectadas.
Outro dos servizos destacados que xa é unha realidade, e un compromiso, foi a adquisición do inmoble para o futuro centro de día, cuxo proxecto de adecuación está axustado á Lei e agora mesmo está en proceso de licitación. Un servizo fundamental para as persoas maiores do municipio e que se prevé que estea en funcionamento no ano 2027. Do mesmo xeito, puxo en valor o novo centro de saúde, que se situará na Ramallosa, e cuxo plan parcial xa está enviado para a súa aprobación.
Durante a súa intervención, a alcaldesa fixo un resumo das distintas actuacións levadas a cabo en cada departamento. Así, en Urbanismo emitíronse o pasado ano 2025 un total de 48 licenzas e 350 comunicacións previas de obra e actividade. Tamén se realizaron tres modificacións puntuais non substanciais ao PXOM, basadas na observancia das necesidades postas de manifesto pola propia veciñanza. No ámbito de obras e melloras, a rexedora sinalou que se segue co plan de arranxo do viario e infraestruturas públicas municipais, así como a dotación de servizos básicos como os alcantarillados, como se levaron a cabo no Ferreiriño, en San Domingo, na Ínsua ou na Torre.
Servizos Sociais e Educación
Con respeto a estas áreas, aumentouse o orzamento anual para os Servizos Sociais, priorizando este departamento. Así, aumentáronse as prazas para dar cobertura ao 100% da demanda existente no Servizo de Atención Temperá; aumentáronse as prazas e horarios para dar cobertura ao 100% das persoas que solicitan as actividades enfocadas ao alzheimer; ampliación dos horarios de TeoCoida; modificación da ordenanza municipal para incluir os servizos de conciliación en dúas escolas unitarias do Colexio Rural Agrupado (CRA).
En canto á eduación, ademais do correcto mantemento das infraestruturas, leváronse a cabo reunións coas ANPAs e direccións de centro de maneira habitual para coñecer de primeira man as necesidades e demandas en materia educativa. Ademais, reforzouse a colaboración dos centros para a realización de actividades, cursos de formación, obradoiros e charlas de interese para a rapazada e a mocidade.
Cultura e Turismo
No ámbito cultural e turístico, a alcaldesa salientou o claro incremento, cuantitativo e cualitativo, da oferta municipal. “Queremos visibilizar Teo e poñer en valor todo o patrimonio do que somos posuidores”, matizou Calvo de la Uz. Neste senso, destacou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia da Feira Cabalar do San Martiño de Francos, un fito moi importante que coloca a Teo no mapa autonómico de festexos. E, precisamente, vinculado a esta celebración, tamén cabe salientar a elaboración do Plan Anual de Autoprotección, realizado por primeira vez en 2025 para unha capacidade máxima de 22.000 persoas.
Entre a oferta cultural, sinalou as numerosas andainas e rutas que se organizan ao longo do ano, ao abeiro da campaña turística de Teo, e que permite á veciñanza e á xente de fóra coñecer todo o patrimonio natural e arquitectónico que posúe Teo; así como as novas de creación, tales como a do románico ou a dos cruceiros.
Ademais, e non menos importante, no pasado 2025 impulsouse desde o Concello a creación da asociación de artesáns teenses – Arteneo, mellorando tamén a súa visibilidade na Feira do San Martiño e celebrando por primeira vez -de moitas que quedan- a Mostra de Artesanía no auditorio municipal da Ramallosa, co fin de visibilizar o seu traballo e dar a coñecer os seus produtos.
Deporte, Xuventude e Igualdade
No terreo deportivo, ademais das correspondentes melloras de infraestruturas e atención das peticións das asociacións e clubs deportivos, continuouse cos premios creados polo actual Executivo á excelencia deportiva, co fin de apoiar aos deportistas de élite que concursan en torneos e competicións a nivel nacional e internacional. Tamén se celebrou, por segundo ano consecutivo, a Gala do Deporte Teense, co fin de visibilizar a riqueza deportiva que ten o municipio.
A xuventude segue sendo un piar fundamental para o Executivo local, por iso se reforzou as actividades de lecer e de formación para este sector da socidade. De feito, no pasado ano, celebrouse por primeira vez a xornada de Teogaming, unha actividade que segue estrictamente o Plan Dixital Familiar aprobado pola Asociación Española de Pediatría e que tivo un gran éxito entre a rapazada do municipio. Tamén se instaurou un concurso de curtas e unha xornada de xogos de mesa. Tamén se reforzaron as charlas da man da Garda Civil, para a prevención e actuación ante unha situación de ciberacoso ou a de igualdade e violencia de xénero; así como outras novas como a de concienciación e tenencia responsable de animais, da man da asociación Abeiro.
No tocante á Igualdade, mantéñense as actuacións que se levaban facendo nos anos anteriores centradas en charlas informativas, andainas e obradoiros, sumándose a celebración de datas conmemorativas como o 25N ou o 8M e cursos de interese como os de defensa persoal para mulleres, de primeiros auxilios e talleres creativos para traballar a igualdade coas familias.
Transporte e Medio Ambiente
No ano 2025 aumentáronse as frecuencias en liñas internas e consolidouse o Bus Lanzadeira, un proxecto piloto de 2024 que no pasado ano contou con máis de 2.100 usuarios. O Teobus tamén se reorganizou e pasou de ir case baleiro a preto de 4.000 usuarios no ano 2025. No tocante ao transporte metropolitano, melloráronse as frecuencias e reorganizáronse as rutas, implementando unha a primeira hora para Lampai e Coira para que as persoas puideran acudir a centros educativos ou laborais. Así mesmo, tamén se procedeu á actualización das tarifas do colectivo de taxis, entrando en vigor no propio ano 2025 e mellorando a parada deste colectivo na zona de Montouto.
Por último, no departamento de Medio Ambiente séguese traballando nun plan de actuación ordenado e controlado, o cal se divide en tres eixes fundamentais. Por unha parte, o coidado e mantemento das zonas comúns e axardinadas, con varios equipos de traballo distribuídos diariamente entre as distintas zonas do municipio. Por outra, a roza da totalidade de camiños públicos con medios mecánicos, a través da licitación anual dun contrato de desbroce. E o terceiro, a limpeza de faixas secundarias mediante convenio coa Xunta de Galicia para a contratación dunha brigada antiincendios, que ademais de extinción tamén realizan traballos de prevención de incendios forestais.