O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
“A Covid-19 quítanos a celebración do Entroido tal e como o coñecemos, como antes pasou co San Martiño, pero podemos celebralo doutro xeito”, asegura María López, concelleira de Turismo. Dende o departamento que dirixe a edila programan actividades de promoción desta tradicional festa galega adaptadas ás restricións vixentes para conter a pandemia do coronavirus.
Nos primeiros días de febreiro entregarase un material nos colexios para que os escolares poidan preparar nas súas casas unha peza tradicional e moi destacada do Entroido dos Xenerais. No interior desta peza, que neste caso será de papel, van pílulas sobre o que significa esta festa para moitas das parroquias do Concello de Teo. Unha vez realizada a peza poderanse buscar plumas e pequenos abalorios para adornala no comercio local, que serán entragadas cando se faga gasto no mesmo. Nestes días o material xa se está entregando nos colexios e como podedes adiviñar trátase dun tricorne de xeneral da Ulla.
Se queres imprimir na túa casa o tricorne podes descargalo premendo aquí. Debes imprimilo en tamaño A2 para que quede nun tamaño axeitado.
Para esta actividade contamos coa colaboración de numerosos establecementos comercias nos que se poderán recoller pezas para engalanar os tricornes. Entregaranse 2 plumas e un abelorio por cada compra para que a cativada poida poñer ben bonito o seu sombreiro de xeneral.
Podes consultar aquí a listaxe de establecementos nos que podes pedir os adornos para o tricorne.
E os que tamén se van poñer de festa serán os cabaliños de madeira do San Martiño, que durante o mes de febreiro tamén terán unhas monturas especiais que lembrarán ao Entroido. Este ano non poderán saír os cabalos de verdade pero os cabaliños do San Martiño no queren esquecer que estamos de Entroido.
Por outra banda, durante o mes de febreiro, a Ruta da Batalla de Cacheiras contará cunhas pezas moi especiais posto que ao longo do seu percorrido aparecerán coplas de Entroido antigas. López explica que esta actividade “é das que máis nos apetecen xa que convida á xente a pasear e coñecer unha parte importante do Entroido, as coplas, ademais de pasear polas parroquias de Bamonde, Oza e Cacheiras, ás que lle debemos manter viva esta tradición xa que sen o traballo das comisións e da veciñanza sería imposible gozar do Entroido dos xenerais da Ulla”. Animádevos a pasear con seguridade por esta ruta e atoparedes verdadeiros tesouros en forma de coplas que contan a historia viva deste Concello. Podedes consultar percorrido da ruta premendo aquí
Tamén se está traballando coa hostalaría local nun menú de Entroido para levar. Podedes informarvos desta iniciativa premendo aquí
Suspensión
Dende os oito concellos para a promoción conxunta do Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla xa se informou en xaneiro de que pola situación actual de emerxencia sanitaria derivada da expansión da COVID-19 en todo o mundo, as entidades organizadoras dos entroidos dos Xenerais da Ulla suspenderon a programación presencial das súas celebracións nos diversos lugares e parroquias. Adoptan esta medida ante a imposibilidade de desenvolver estes entroidos no seu formato habitual e tradicional. Ao tempo é un acto de responsabilidade priorizando a saúde e seguridade de todas as persoas e de toda a veciñanza da nosa localidade.
Adjunto | Tamaño |
---|---|
Folleto entroido 2021_v3.pdf | 10.23 MB |
COLABORADORES COMERCIO LOCAL.jpeg | 427.95 KB |