O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

As forzas políticas teenses apoian a petición de que o comedor dos Tilos sexa xestionado pola Xunta

| compartir:

As forzas políticas de Teo (SondeTeo, PSdeG-PSOE, PP e BNG) apoiaron a moción que se debateu no pleno celebrado onte en favor da petición da Anpa Cobas do CEIP Os Tilos de solicitar á Xunta de Galicia que asuma a xestión do comedor escolar neste centro. Este apoio foi unánime votando todos os grupos a favor desta petición da comunidade educativa. 

O acordo adoptado di literalmente: 

  1. Apoiar a solicitude da Anpa do CEIP Os Tilos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, para que xestione dende este centro o seu comedor, en cumprimento das súas competencias recollidas na normativa vixente. 
  2. Remitir o presente acordo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia así como ao Presidente da Xunta de Galicia. 

Na sesión plenaria todos os grupos amosaron o apoio á reivindicación da Anpa e explicitaron a necesidade de que este servizo de comedor nos Tilos se poida prestar o antes posible. 

Na moción relátase que dende agosto do 2020, cando a Anpa decide deixar de prestar o servizo, se tralada esta petición á Xunta de Galicia e as diferentes conversas e comunicacións realizadas entre a Anpa, o Concello e a Xunta sen conseguir ata o momento que este servizo, fundamental para as familias se estea prestando.

Así mesmo faise constar que segundo establece o artigo 1.3 do Decreto 132/2013 polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería: "A consellería competente en materia de educación proverá, mediante a modalidade máis conveniente en cada caso, a prestación do servizo de comedor escolar ao alumnado que curse a ensinanza básica e/ou segundo ciclo de educación infantil".

Dende o Concello solicitouse hai semanas unha entrevista ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, petición que aínda non foi atendida. 

Durante a sesión tamén se acordou, por suxestión do voceiro do BNG, Manuel Barreiro, a colocación dunha pancarta reivindicativa no balcón do Concello para darlle máis visibilidade a este problema. 

Consulta aquí a moción completa aprobada por unanimidade no pleno do Concello do 3 de marzo. 

Podes ver aquí a sesión plenaria.

votacion

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
MOCIÓN COMEDOR ESCOLAR CEIP.pdf 196.82 KB