O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

TEO ENTRE VIÑEDOS (segunda quenda): Paseo vitivinícola con degustación harmonizada

Data e hora

Localización
Viñedos en Cachóns, Oza, Teo
Como chegar

Prazas dispoñibles
0
Listaxe de agarda

Prazas por persoa
2

Chega unha nova oportunidade para descubrir a tradición vitivinícola de Teo, o territorio da Denominación de Orixe Rías Baixas máis próximo a Santiago de Compostela.

Vente con nós a pasear entre viñedos, coñecer diferentes formas de entender e traballar a terra e, sobre todo, poñerlle cara ás persoas que están detrás desta paisaxe e desta cultura do viño.

Nesta segunda quenda de Teo entre viñedos percorreremos tres das sete parroquias teenses integradas na subzona Ribeira do Ulla:

  • Rarís, onde nos achegaremos aos viñedos de Mar de Envero e Viñas Marecaste.
  • Santa María de Teo, cun percorrido por diferentes paisaxes vitícolas da parroquia.
  • Oza, onde remataremos entre os viñedos de Gómez & Rial.

Ao longo do camiño descubriremos as particularidades da viticultura atlántica e unha paisaxe construída durante xeracións arredor da vide. Coñeceremos distintas maneiras de cultivar, coidar e interpretar o viñedo, desde pequenos proxectos familiares e de autor ata outros modelos de produción a maior escala.

Pero, sobre todo, achegarémonos ás historias, aos saberes e ás persoas que fan posible que a viticultura siga viva neste territorio.

A experiencia rematará no propio viñedo, cunha degustación de viños harmonizada cunha cata guiada de queixos galegos da man de Salomé Beiroa. Un final para gozar sen présas dos aromas, dos sabores e da paisaxe da Ribeira do Ulla.

Importante: a experiencia está centrada exclusivamente na paisaxe vitícola e nos viñedos; non inclúe a visita ao interior das adegas.

Organización e punto de encontro

O punto de encontro será en Cachóns ás 10.30 h, nun lugar que se comunicará previamente ás persoas inscritas e onde poderán deixar os seus vehículos.

Desde alí, o desprazamento entre os distintos puntos do itinerario realizarase en microbús, facilitando unha experiencia cómoda, segura e sostible.

A actividade rematará novamente en Cachóns, a poucos minutos a pé dos vehículos.

 

Observacións
Recoméndase levar calzado cómodo e roupa axeitada para camiñar por camiños e terreos de viñedo.
• A actividade desenvolverase ao aire libre, polo que se recomenda protección solar, gorra ou roupa de abrigo segundo a climatoloxía.
INFORMACIÓN IMPORTANTE SOBRE A RESERVA
As actividades son de balde, pero teñen prazas limitadas e requiren inscrición previa.
Reservar praza implica un compromiso de asistencia. Se finalmente non podes acudir, é imprescindible avisar con antelación escribindo a turismo@teo.gal ou ao número de whatsApp de TeoTurismo +34 698 18 68 91
⚠️ A cancelación debe realizarse exclusivamente neste enderezo e/ou no número móbil corporativo facilitado
Non se tramitarán cancelacións enviadas ao correo automático de confirmación (nonresponder@teo.gal).
As persoas que non comuniquen a súa ausencia:
📌 Na primeira ocasión, pasarán á listaxe de agarda nas seguintes actividades.
📌 Nunha segunda ocasión, non poderán formalizar novas inscricións.
Agradecemos a responsabilidade e colaboración de todas as persoas participantes para garantir un acceso xusto ás experiencias.
Listaxe de agarda
teo entre viñedos

Outros eventos por vir