O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Xan Campos é unha das voces máis persoais e recoñecidas do jazz ibérico contemporáneo. Nacido en Cangas en 1987, formouse en conservatorios de Alemaña, Países Baixos e Dinamarca, desenvolvendo unha linguaxe musical que bebe do jazz europeo máis aberto e da exploración constante das formas e os timbres. A súa música destaca pola experimentación rítmica, as harmonías expresivas e a mestura de influencias que van da música electrónica ao impresionismo, sempre cunha clara vontade de fuxir do establecido.
Amorodios é o proxecto máis recente de Xan Campos e, ao mesmo tempo, un punto de inflexión na súa traxectoria.
Sen abandonar o jazz, a identidade musical que definiu os seus traballos anteriores, este novo cuarteto abre unha vía nova no seu universo sonoro: por primeira vez, as letras e a voz entran no centro da proposta, grazas á presenza de Faia Díaz, cantante profundamente conectada coa tradición oral galega e que achega co seu canto unha forza nova, unha verdade que transforma a música e a volve raíz.
Completan a banda dous músicos fundamentais do jazz galego: o batería Iago Fernández, recoñecido internacionalmente pola súa capacidade expresiva, e o guitarrista e baixista Virxilio Da Silva, que aporta unha gran riqueza tímbrica con ecos do rock.
Amorodios é unha catarse e unha síntese, unha música viva, honesta, sen artificios, que conxuga mundos distintos para contar algo novo.
Espectáculo dentro do Programa Outono das Artes da Deputación da Coruña.