O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A conselleira de Política Social visita o Servizo de Atención Temperá de Teo e Ames

| compartir:

O Servizo de Atención Temperá (SAT) do Concello de Teo e Ames recibiu esta mañá a visita da conselleira de Política Social, Fabiola García. Fíxoo coincidindo coa nova convocatoria de axudas para que os Concellos lle dean continuidade o poñan en marcha este servizo. No acto estivo presente o concelleiro de Benestar de Teo, Ignacio Iglesias, e a concelleira de Servizos Sociais de Ames, Luisa Feijóo. Tamén estiveron presentes o persoal da unidade así como traballadoras dos Servizos Sociais e concelleiros do Partido Popular. 

A conselleira salientou a necesaria colaboración institucional para poñer en funcionamento proxectos que melloren a calidade de vida das galegas e galegos, como é o caso destes centros, que permiten que os nenos de entre 0 e 6 anos con trastornos ou con risco de padecelos gañen benestar no presente e calidade de vida no futuro.As unidades de atención temperá en Galicia aínda son unhas grandes descoñecidas malia que están a facer un traballo excepcional, intenso con todos os nenos pequenos, pero sobre todo de proximidade con todas as familias”, salientou Fabiola García. Este servizo é fundamental para actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desenvolvemento os nenos de ata 6 anos. É un modelo baseado na prevención, na identificación e no tratamento precoz e facilita aos pequenos ferramentas para gañar autonomía desde a infancia.

Pola súa banda o edil de Teo Ignacio Iglesias agradeceu a visita da responsable de Política Social da Xunta e destacou que dende un servizo de cercanía coma este se pode establecer "unha necesaria colaboración con centros de saúde, colexios, anpas e outros colectivos sociais que fan que esto funcione e sexa áxil". Tamén destacou que "os concellos asumiremos o reto de darlle un bo destino ao financiamento que achega a Xunta". 

Luisa Feijóo explicou que "grazas a este financiamento supramunicipal podemos ter este servizo de proximidade de cercanía que é como se deben desenvolver sobre todo cando se traballa coa infancia. Destacou ademais que o SAT de Teo e Ames é "un bo exemplo de transversalidade e colaboración tanto vertical coa Xunta coma horizontal co concello de Teo". 

Atención temperá en Teo dendo o ano 2018

Teo pon en funcionamento no ano 2018 o servizo de atención temperá. En 2021, tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración entre os concellos de Teo e Ames, bota a andar o SAT conxunto para atención á poboación destes dous municipios. A xestión compartida permite dar un salto de calidade no que respecta ao horario de apertura e ás instalacións nas que se desenvolve a atención.

Neste momento este servizo que dispón de novas instalacións na Travesía das Galanas atende a case 50 nenos/as de 0 a 6 anos. En Teo xa se viña traballando con 30 crianzas e nestas últimas semanas xa se están incorporando nenos/as de Ames, polo momento 20 pero esta cifra irase incrementando. 

SAT está dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e ten por obxectivo darlles resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

O equipo profesional responsable, está conformado por un psicólogo, unha logopeda e unha terapeuta ocupacional, con capacitación específica para a atención ás necesidades deste grupo poboacional. O SAT constitúe unha extensión das atencións prestadas polos servizos sociais municipais, se ben o acceso a este require a prescrición da atención polos servizos de pediatría comunitaria ou hospitalaria. O equipo do servizo está a disposición de particulares, entidades e profesionais para a orientación ante calquera necesidade de información sobre as súas opcións de intervención.

Neste momento o SAT atende de luns a xoves de 09:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas. Os venres de 08:00 a 14:30 horas. 

Teo xestiona o servizo compartido como se estableceu no convenio de colaboración con Ames asumindo unha importante carga de traballo. Ademáis da coordinación do persoal que atende aos nenos/as encárgase da licitación do contrato ou da tramitación da subvención publicada hoxe no DOG. Segundo a previsión que se manexa a través desta liña de axudas este ano agárdase ingresar case 120.000 euros, cubrindo a meirande parte do servizo.

O Servizo de atención temperá dos concellos de Teo e Ames conta con financiamento europeo a través da Xunta de Galicia. 

 

atencion temperá