O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Día de Rosalía celébrase dende este ano o día 23 de febreiro, coincidindo co nacemento da autora. En Teo queremos celebrar esta efeméride “xuntando ao redor da figura de Rosalía diferentes disciplinas nunha gala de diversidade artística así como o foi a obra Rosaliana” indica a concelleira de Cultura, María López.
O mércores 23 plantarase, no parque municipal de Luou, un fillo da figueira que está na Casa da Matanza. Será un acto público que contará coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía. Este parque é os espazo que levará o nome de Tanxugueiras.
Nesa xornada tamén se aposta por colaborar coa comunidade escolar. Será un día para tomar Caldo de gloria nos comedores escolares e escoitar a Alborada.
Gala Rosaliana
Na seguinte fin de semana “imos celebrar unha velada na que queremos homenaxear a Rosalía e lembrar a súa figura e a súa obra con artistas locais así como a súa vinculación con Teo a través de textos e doutros referentes artísticos como a afamada pintura do veciño teense Garabal” indica María López. Trátase da imaxe que ilustra a nova.
A actividade será o sábado 26 ás 18:00 horas no Auditorio Municipal da Ramallosa e para asistir haberá que inscribirse na web municipal teo.gal.
A función contará coa presenza de Tero Rodríguez, da compañía Os Quinquilláns, que será a mestra de cerimonias. No acto participarán os grupos de teatro municipais, tanto os de persoas adultas coma os de mocidade. Así mesmo haberá música con Xoán Curiel e a Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras, e teremos algunha sorpresa relacionada coa ilustración e mesmo co caldo de gloria.
Fundación Casa Rosalía
O Concello é mecenas da Casa Rosalía dende febreiro do 2020 cando se asina un convenio de colaboración. Con esta decisión Teo referenda o seu compromiso histórico con esta institución, dado que xa apoiara economicamente en 1984 cunha doazón de 10.000 pesetas.
Grazas a este convenio a Fundación Rosalía de Castro facilita a visita de particulares á casa museo ás persoas empadroadas neste Concello de maneira gratuíta nos próximos meses, mentres as medidas contra a Covid dificulten as visitas guiadas a grupos