O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

BARRIGA VERDE BOTA O PECHE A TITIRIBERIA

| compartir:

Tradición galega

No resto da tarde, o protagonismo será para Barriga Verde e os títehres galegos de cachaporra. Viravolta Títeres porá en escena a partir das 18.15 e nese mesmo escenario Vida crimes e prisión de Toribio de Mañón. Esta recreación con formas do teatro popular narra as andanzas que lle deron sona a Mamede Casanova “Toribio de Mañón”, famoso bandoleiro galego de principios do século XX, e que levaron os seus ósos ao cárcere. Nestas andanzas inspirouse Valle-Inclán para escribir Las galas del difunto. 

Sen se mover do lugar, unha hora despois Títeres Alakrán porá en escena Barriga Verde ataca de novo. A compañía galega reinterpreta a obra clásica de Barriga Verde cun único manipulador que ademais recupera o tradicional emprego da palleta para lle pór voz aos personaxes. Poderemos desfrutar dos números máis famosos, dende a tourada, o militar, o enterro e por suposto, a sempre elegante aparición do demo 

 A conexión teense

A seguir da representación, desenvolverase un coloquio cos asistentes e con veciños do Concello de Teo no que se explorará a conexión con este municipio da saga de titiriteiros que durante anos deron vida a Barriga Verde. A Asociación Cultural Morreu o Demo tivo coñecemento recente de que Saladina, última filla viva de José Silvent “O auténtico Barriga Verde” casou no seu día cun home desta localidade e que tiveron en propiedade terras no lugar. Con este encontro, a organización agarda conseguir novos datos sobre esta familia de titiriteiros que percorreu o país ata os anos 60 do século pasado e que, co seu traballo, fai hoxe parte da memoria de varias xeracións de galegos. En paralelo a este encontro, e ao longo de todo o festival, o Auditorio Constante Liste acolle a exposición Onde foi Barriga Verde? que reflexiona sobre o esquecemento deste personaxe de xeito didáctico en dez paneis.

Como feche de ouro ao festival, o multipremiado grupo Caxade presentará o seu novo disco E isto é o amor cun concerto, tamén no Auditorio Constante Liste.

Desde o pasado día 7, o encontro achegou a diferentes localidades do concello un total de dez funcións de sete obras diferentes e múltiples actividades  sobre estes espectáculos populares. Personaxes da familia de títeres europeos como o Pericu catalán, os Robertos portugueses ou o Don Cristóbal andaluz atopáronse nun programa que inclúe tamén unha exposición, conferencias e mesas redondas.

 

Caxade Teo