O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo, no día 8M súmase á celebración do Día Internacional das Mulleres á vez que reafirmamos o noso compromiso diario pola loita da igualdade plena das mulleres, unha igualdade que por desgraza aínda haberá que seguir reivindicando.
Dende que foi instaurado no ano 1952 como Día Internacional das Mulleres, conmemorando as folgas e loitas que reivindican a igualdade laboral, económica, política e social téñense conseguido grandes cambios cara unha sociedade máis igualitaria mais o camiño aínda debe continuar.
Non podemos obviar que a nosa sociedade, tamén a teense, está atravesada aínda por desigualdades que afectan as mulleres agravando tamén aquelas que se producen segundo a idade, cultura, etnia, orientación sexual ou país de procedencia.
É precisamente esta desigualdade e a histórica loita das mulleres a que nos moven no traballo diario e coas que declaramos un compromiso firme cara:
- Promover relacións igualitarias tanto dentro das administracións como na cidadanía
- Erradicar a violencia contra as mulleres
- Recoñecer e reparar as vítimas de violencia de xénero
- Promover a igualdade de oportunidades das mulleres na vida laboral
- Facilitar espazos e recursos para desenvolver programas e iniciativas para o empoderamento das mulleres.
- Artellar espazos de creación, escoita e promoción de novas masculinidades ou masculinidades disidentes.
Entendemos que a igualdade que promove o feminismo é o camiño para conseguir un mundo máis igualitario, próspero e sostible a todos os niveis. E así é como queremos vivir e ser aquí, en Teo!
E así, o Concello fai un chamamento á cidadanía para unirse ás mobilizacións e actividades convocadas neste día 8 de marzo con motivo do Día Internacional das Mulleres.
Actividades polo Día das mulleres
Este ano dende o Concello prográmanse distintas actividades polo 8M. A máis destacada é a ruta do Corgo de Penelas que se fai coas Fillas Bravas de Chévere. As Fillas Bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta percorrendo o noso país á procura de aldeas orgullosas de selo e con historias que paga a pena contar e compartir. Unha delas é Penelas, no Concello de Teo. Aquí a veciñanza xuntouse na Asociación Trinxidoiro, para dar boa conta do valor e a riqueza oculta que atesouran estas terras e converterse en axentes activos na recuperación e mantemento do patrimonio natural, cultural e etnográfico. As Fillas Bravas súmanse a este esforzo colectivo e actuarán como guías dunha ruta desde a fonte das Seixas ata a aldea de Penelas, por un sendeiro que vai de par do rego de Moldes, amosando e comentando coa súa retranca habitual, tanto os usos e aproveitamentos tradicionais da auga mediante corgos, muiños, lavadoiros e fontes, como certos costumes e ritos dun pasado non tan afastado. Esta actividade farase nos días 12, 13, 19 e 20 de marzo.
Podes ver aquí ás Fillas Bravas na Fonte das Seixas
O sábado 2 de abril reprogramouse o Escape Room "Elas" que se fará no Auditorios Municipal da Ramallosa ás 18:00 horas. Trátase dunha actividade apta para todas as idades e nas que animamos a anotarse en grupo. O Escape room Elas é un xogo de escape. Na entrada, os equipos recibirán dous documentos de vital importancia que terán que deixar resoltos para poder "fuxir". Para resolvelo, iránse atopando diferentes probas que van dende a busca de pistas, ata descifrar o uso de aparellos imposibles, elaborar unha estratexia conxunta ou incluso contruír unha ferramenta enxeñosa. Cada unha destas probas acércaralles a resolución do documento que levan nas mans: Elas.
O domindo 3 de abril farase unha excursión a Ribadavia pensada para mulleres de Teo. Esta actividade xa se fixo en anos anteriores con bastante éxito. Desta volta visitarase a vila e pola tarde o grupo achegarase ao Museo do viño galego. As participantes terán que pagar a comida e do transporte en autobús encárgase o Concello. As inscricións no Escape e na excursión abrirase nos vindeiros días na Axenda de actividades da web municipal.