O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

ESTE XOVES CELÉBRASE O PLENO ORDINARIO DE SETEMBRO

| compartir:

A corporación teense reúnese este xoves 29 de setembro en sesión ordinaria. O debate terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendoaquí.

Un dos puntos destacados da orde do día é a aprobación e rendición daconta xeral de 2015, que ofreceu un resultado orzamentario positivo de máis de 893.000 euros.

 

Tamén se someterán a debate e votación tres puntos relacionados coa normativa municipal. Nun deles, avaliarase a modificación da ordenanza do prezo público polos servizos de conciliación da vida persoal e laboral, co propósito de rectificar erros materiais do texto en vigor. Noutro, vaise valorar a aprobación inicial da ordenanza reguladora das tarxetas de accesibilidade do Concello. As principais novidades que introduce son a posibilidade de emitir unha tarxeta para situacións urxentes de especial sufrimento persoal e familiar e que a tarxeta poida ser solicitada por unha persoa xurídica. E tamén será sometida ao criterio da corporación a nova ordenanza reguladora da protección dos camiños e vías públicasmunicipais durante a realización dos traballos forestais.

 

Por outra parte, o pleno deberá decidir sobre a proposta da Alcaldía de modificación das características da praza de xefe de instalacións e redes de Augas de Teo. Despois de que o proceso selectivo para esta praza quedase deserto o pasado mes de xuño, con vistas a convocar de novo o concurso-oposición procédese a clarificar os obxectivos da praza e a adecuar con maior precisión o perfil buscado.

 

Do mesmo xeito, a corporación terá que decidir sobre a cancelación da garantía definitiva que constituíu a empresa construtora da piscina climatizada municipal da Ramallosa, unha vez que un informe técnico municipal corroborou o correcto estado das obras. O importe da garantía é de 68.601,86 euros. E valorará tamén a aprobación definitiva do estudo de detalle para un edificio comercial, destinado a supermercado de alimentación e a aparcadoiro, que a empresa Mercadona, S.A. promove en Cacheiras.

 

Xa no apartado de mocións, previo ao de rogos e preguntas, debaterase e votarase unha proposta do grupo municipal de SondeTeo-Anova para que o Centro Sociocultural da Ramallosa pase a denominarse Auditorio Constante Liste. O vindeiro luns, 3 de outubro, cúmprense 80 anos do fusilamento de quen fora tenente de alcalde na última corporación republicana do Concello de Teo. 

 

 

Así pois, a orde do día terá os seguintes puntos:

 

1.      Aprobación da acta da sesión ordinaria do 28/07/2016 e extraordinaria do 29/08/2016.

2.      Dar conta das resolucións da Alcaldía (da 613/16 á 797/16).

3.      Dar conta do cumprimento do artigo 104 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, en relación co persoal eventual.

4.      Ditame da proposta da Alcaldía da cancelación da garantía definitiva constituída pola empresa Construcciones Manuel Rodríguez Lema, SL.

5.      Ditame da proposta da Alcaldía de aprobación e rendición da Conta Xeral 2015.

6.      Ditame da proposta da Alcaldía de aprobación inicial da modificación da ordenanza do prezo público por servizos de conciliación da vida persoal e familiar.

7.      Ditame da proposta da alcaldía de aprobación inicial da ordenanza reguladora das tarxetas de accesibilidade do Concello de Teo.

8.      Ditame da proposta da Alcaldía de modificación das características da praaa de xefe de instalacións e redes do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do Concello de Teo.

9.      Ditame da proposta da Alcaldía de aprobación inicial da ordenanza reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais durante a realización dos traballos forestais.

10.  Ditame da proposta da Alcaldía de aprobación definitiva do estudo de detalle para edificio comercial destinado a supermercado de alimentación e aparcadoiro promovido por Mercadona, SA.

11.  Ditame da moción do grupo municipal SondeTeo-Anova para que o Centro Sociocultural da Ramallosa pase a denominarse Auditorio Constante Liste.

12.  Mocións.

13.  Rogos e preguntas.

teo