O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

MÁIS EFICIENCIA ENERXÉTICA NOS PAVILLÓNS DOS TILOS E DA RAMALLOSA E NO CENTRO SOCIOCULTURAL

| compartir:

O Concello de Teo efectúa durante este mes a instalación de novos equipamentos de eficiencia enerxética nos pavillóns polideportivos dos Tilos e da Ramallosa e no Centro Sociocultural da Ramallosa. O investimento permitirá un aforro do 73 % da cantidade de enerxía consumida nestas infraestruturas, o que se traduce nun aforro anual de 9.500 euros.

A principal intervención, que se realiza desde a Concellería de Urbanismo, consiste no cambio das luminarias existentes por unhas novas de tecnoloxía LED. No pavillón dos Tilos sustitúense un total de 21 e no da Ramallosa serán 24, mentres que no Centro Sociocultural serán 107 luminarias e tamén se reemprazará o cadro eléctrico.

 

O investimento total nesta actuación é de case 52.000 euros, para o que o Concello obtivo unha subvención do 75 % do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Deste xeito, tal como afirma a concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, “a achega municipal a este proxecto será amortizada en dezaseis meses, tendo en conta os cálculos técnicos incluídos nas memorias dos proxectos”.

 

Aforro e respecto polo medio, claves do programa ‘Teo Sostible’

Ademais do menor consumo, desde o punto de vista ambiental as tres actuacións acadan unha importante redución da cantidade de CO2 emitido, de aproximadamente un 73 %. Tanto o aforro enerxético como a aminoración do impacto ambiental son dous criterios esenciais da estratexia de aforro sustentable ‘Teo Sostible’ para o período 2015-2019.

 

Este programa prevé accións máis xerais e ambiciosas, como a do cambio dun 85 % das 5.806 luminarias do servizo municipal de alumeado público, que pasarían a utilizar tecnoloxía LED. Tamén se renovaría un gran número de cadros eléctricos, posto que o 70 % deles presentan un estado inapropiado, e erradicaranse os farois de mercurio, obsoletos e contaminantes.

 

Para estas actuacións, o Concello de Teo ten solicitado un préstamo a interese cero no Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), nun procedemento que aínda está pendente de resolver.

teo