O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

PRECINTADO O GRUPO ELECTRÓXENO DOS TILOS POR EXCEDER O NIVEL DE RUÍDO FIXADO NA ORDENANZA

| compartir:

O Concello procedeu este mediodía a precintar un grupo electróxeno pertencente a un establecemento hoteleiro na urbanización dos Tilos. A decisión débese a que o equipo supera os límites de ruído establecidos na normativa municipal, sen que as medidas aplicadas pola empresa aminorasen as molestias graves que lle ocasiona á veciñanza.

Ante a orde de precintado do pasado venres, 5 de agosto, a empresa solicitou a suspensión, ofrecendo como medida paliativa inmediata a colocación de barreiras acústicas. A instalación dunha pantalla vexetal foi unha realidade ás poucas horas, pero demostrouse que non serviu para cumprir os requerimentos municipais. Isto deu pé a continuar co procedemento e precintar hoxe a instalación.

 

As novas medicións acústicas encargadas polo Concello deron como resultado excesos de entre 9,5 e 10 decibelios sobre o nivel máximo permitido pola ordenanza reguladora de emisión e recepción de ruídos e vibracións. O estudo sonométrico foi efectuado desde o exterior da parcela do hotel en horario diúrno, por un enxeñeiro técnico industrial colexiado, e con sistemas e procedementos homologados pola Xunta de Galicia.

 

Ademais de proceder ao precintado, comunicóuselle á empresa propietaria do establecemento que o importe dos gastos, danos e prexuízos ocasionados serán pola súa conta, e no caso de que non sexan abonados poderán esixírselle pola vía do constrinximento.

 

Pasos dados

O ruído e as molestias ocasionados de día e de noite polo grupo electróxeno, instalado no exterior do hotel, foron denunciados por residentes na zona. A raíz da denuncia, a finais de maio pasado o servizo municipal de inspección urbanística elaborou un informe no que se determinaba unha posible vulneración da ordenanza municipal de emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais.

 

Para verificar se se producía un incumprimento da norma, o Concello encargou un primeiro estudo sonométrico. Foi elaborado nunha vivenda próxima e constatou que en horario diúrno as instalacións superaban en 8,7 decibelios o nivel máximo de ruído permitido pola ordenanza. De noite, o exceso chegaba aos 11,8 decibelios.

 

Todos estes feitos conduciron á apertura dun expediente sancionador contra a empresa titular do hotel residencial o 23 de xuño, por cometer unha infracción administrativa grave en materia de protección contra a contaminación acústica, ao superar en máis de 5 decibelios os valores límite establecidos. Tras a apertura do expediente, deuselle audiencia á parte interesada para avaliar posibles medidas correctoras.

 

O seguinte paso dado polo Concello, a mediados de xullo, foi dictar unha resolución requerindo o precintado do equipo, a non ser que o seu titular tomase medidas correctoras dentro do prazo establecido. Ante a falta de resposta, fixouse o precintado para o pasado venres 5 de agosto, que a empresa evitou in extremis propoñendo medidas correctoras. Agora, cos estudos técnicos demostrando a ineficacia das medidas, procedeuse a anular o funcionamento da máquina.  

 

Do mesmo xeito, segue o seu curso un expediente sancionador, que pode dar lugar á aplicación de castigos económicos que van desde os 1.500 ata os 9.000 euros neste tipo de infraccións, de acordo co establecido na ordenanza municipal sobre ruídos e vibracións.

 

O goberno de Teo atívose durante todo este procedemento aos condicionantes normativos e temporais que se requiren, co propósito de non incorrer nunha vulneración dos dereitos da parte infractora e co obxectivo e premisa fundamentais de garantir o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas dos Tilos.

teo